A Cova dos Ratos (R/ Romil, 3) de Vigo acollerá o Poetry Slam Vigo, un torneo de “poetas” no que estes amosan os seus versos en épicos recitados baixo a atenta ollada dun xurado formado por cinco persoas seleccionado ao chou entre o público. Estes torneos naceron na década dos 80 en Chicago e en pouco tempo o formato espallouse polo mundo adiante. Calquera persoa que escriba poesía pode participar, isto fai que este formato sexa máis dinámico e entretido que os recitais tradicionais.
O Slam Poetry Vigo celebrarase o 1 de decembro baixo as seguintes regras:
1. O límite de participantes é de 8.
2. Pódese recitar calquera texto en calquera idioma, sempre que sexa teu e non dure máis de 3 minutos. A táboa de penalización por tempo é a seguinte:
* 3:00 – 3:10 0 puntos.
* 3:10 – 3:20 1 punto.
* 3:20 – 3:30 2 puntos.
* 3:30 – 3:40 3 puntos.
* 3:40 en adiante. Eliminado.
3. Non podes usar música, disfraces, ou accesorios. Só son válidos os límites de cada corpo.
4. É tan importante o texto como o bo recitado. De feito, o único importante é conquistar ao público.
5. Non é imprescindible saber o texto de memoria.
Por votación do xurado decídense tres finalistas que volven recitar un texto diferente aos anteriores. Destes tres finalistas, sempre por votación do xurado, sae o gañador. O gañador pode, se quere, volver recitar tras resultar vencedor. O Poetry Slam Vigo está aberto a que calquera persoa poida participar ou acudir como público. Os interesados poderán apuntarse enviando un correo ao seguinte enderezo: poetryslamvigo@gmail.com.
Desde Fervenzas Literarias.