Agustín Fernández Paz: “Cando un autor escribe, polo seu cuarto pasa o meridiano cero”

Entrevista a Agustín Fernández Paz en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Tanto vostede [O rastro que deixamos] como Manuel Rivas [As voces baixas] tecen as súas últimas obras arredor da memoria persoal.
– Agustín Fernández Paz (AFP): Si, aínda que son libros distintos, xa que o del ten vontade de novela. Creo que inflúe a idade, aínda que Rivas é máis novo, pero chega un momento da vida no que, sen deixar de mirar para adiante, volves atrás. Inflúe ademais que o tempo se acelerou moitísimo: na infancia dun amigo meu tiñan luz de carburo e agora o fillo é enxeñeiro informático. E inflúe tamén, e a Rivas pásalle igual, que escribimos cos fíos da vida. A nosa vida sempre está por debaixo do que escribimos, só que nestes libros queda ao descuberto. (…)
– LVG: Ademais da infancia, no libro sublíñase a importancia da lingua e a centralidade do escritor no mundo que crea.
– AFP: Creo niso firmemente. Na creación existe unha liberdade absoluta que fai que cando un autor está a escribir polo seu cuarto pasa o meridiano cero, dá igual onde se atope. Logo están as dificultades sociolóxicas para que iso teña difusión, como as que ten a cultura galega.
– LVG: No seu caso, ademais de moitos lectores e recoñecementos, como este Premio da Crítica, tamén están as traducións.
– AFP: Home, non me queixo, aínda que moitas veces esas cousas son froito do azar. Pero temos un problema fundamental, que é que a vontade de proxección internacional da cultura galega non existe. En cambio, nos últimos dous anos lin sete novelas de autores islandeses, un país de 300.000 habitantes (…)”.