Raúl Dans gaña o XXXVII Premi Born de Teatre de Menorca

O dramaturgo Raúl Dans foi galardoado co XXXVII Premi Born de Teatre, pola obra titulada Una corriente salvaje. O texto, orixinalmente escrito en galego e traducido ao castelán polo propio autor para presentalo ao devandito concurso, é, en palabras de Dans, “unha historia de amor prohibido e tinxido de dramatismo, que se desvela no ambiente pechado dunha casa de montaña durante unha noite de treboada”.
A peza, como destaca a acta do xurado, formado entre por outros profesionais da escena polo director do Teatre Nacional de Catalunya, Xavier Albertí, “ten misterio e suspense, e garda sorpresas até o mesmo final da obra”. Ademais da dotación económica do premio, a entidade organizadora do concurso, o Cercle Artístic de Menorca, ten previsto publicar a peza nos catro idiomas oficiais: catalán, euskera, castelán e galego. Da publicación en galego ocuparase a Revista Galega de Teatro.
Raúl Dans xa gañou este mesmo premio, un dos máis importantes e prestixiosos dos que se convocan en España, no 1997, coa súa obra Derrota.