Gustavo Pernas: “Os meus personaxes están sometidos á presión atmosférica da sociedade”

Entrevista a Gustavo Pernas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Cal é a relación de Isobaras coa obra que está representando agora, Snakizados?
– Gustavo Pernas (GP): Escribo sempre para representar, aínda que Isobaras quizais sexa moi grande para unha compañía. Creo que entre as dúas hai certas cousas en común, coincide unha linguaxe máis poética e un nivel metafórico que ten relación con outras obras como Footing ou Paso de cebra.
– LVG: Falou de superprodución.
– GP: Porque oito personaxes son moitos para o que se monta agora en teatro. Son personaxes que cruzan monólogos, parece que están dialogando, pero non. Son xente que vive baixo cero e acóllese a unha raiola de sol. O que non se pode dicir agora é se deciden facer algo para cambiar a súa situación ou, polo contrario, deixan pasar resistindo sen facer máis.
– LVG: Acostuma a agrupar obras por triloxías. ¿Esta é o comezo doutra?
– GP: Non sei aínda. Esta obra está influída por esta crise brutal e os seus personaxes están sometidos todos á mesma presión atmosférica que exerce a sociedade. (…)”