“Autoaxuda” para falar e escribir en galego con xeito

“Como pasar de ser “galegocalante” a exercer de “galegofalante”? Hai “palabras inventadas” na lingua galega? Por que agora é “grazas” e non “gracias”? Que dis cando dis “matar o rato”? Son algunhas das preguntas que é posible responder coa lectura de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, o novo libro de Carlos Callón que vén de saír do prelo de Xerais e que o seu autor presenta como un manual de distendida “autoaxuda” cun obxectivo “cívico”: empregar axeitadamente o idioma propio na vida cotiá. Cun bo feixe de “consellos prácticos” a obra do tamén presidente d’A Mesa pola Normalización Lingüística aborda dúbidas que poden asaltar tanto a quen emprega o galego habitualmente como a quen dá o paso de convertelo na súa lingua habitual. Así, Callón parte da base de que “todos e todas sabemos máis galego do que pensamos” para, por exemplo, tentar desterrar erros como utilizar escoba no canto de “vasoira” ou prexuízos como o lugar común das “palabras inventadas”. Mediante exemplos doados ou mesmo a través de anécdotas, Callón explica, por exemplo, o momento no que descubriu que “avó” e “avoa” son termos que xa empregaban os pais dos seus pais ou que costilleta non existe en castelán, senón que é unha mala tradución da forma galega costeleta. (…)” Desde Praza.