Entrevista a Xosé Monteagudo en Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): Como coñeceu a historia de Agapito Pazos?
– Xosé Monteagudo (XM): Pois como moita outra xente, cando faleceu e apareceu nos xornais. Máis tarde escoitei dicir que, en realidade, se levara con moita discreción o que foi a súa estancia no Hospital Provincial, o que eran as súas circunstancias particulares, para non perturbarlo con interferencias do mundo exterior na súa rutina.
– DP: E quedou impactado.
– XM: Dende o primeiro momento. Pareceume absolutamente sorprendente, conmovedor, que unha persoa pasase 77 anos da súa vida nun hospital, metido nun cuarto e vendo a vida pasar, dende que era un cativiño ata que morreu, nese espazo. Empecei a reflexionar inmediatamente sobre que perspectiva histórica podía ter esa persoa cunha existencia tan impresionante.
– DP: Precisamente di a editorial (O curioso mundo das persoas normais, publicado en Galaxia) que fai «un repaso a boa parte do século XX». Sen saír dun cuarto?
– XM: Claro. Agapito Pazos seica ingresou arredor do ano 33. O meu personaxe faino un pouquiño antes porque quería que tivese certa consciencia a mediados desa década, que puidese percibir cousas que pasaban digamos por exemplo no 36, ao comezo da Guerra Civil. Con el o lector vai vivir todos os cambios sociais e históricos que se produciron ao longo de todo o século XX, que foron brutais. E sen saír á rúa. O reto para min era tamén este: ser quen de contar a historia sen resultar… (…)”