Entrevista de Camilo Franco a Francisco X. Fernández Naval en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): A memoria volve ser protagonista dunha novela súa. ¿Cal é a súa importancia en A noite branca?
– Francisco X. Fernández Naval (FFN): Somos memoria e esquecemento. Somos quen somos polo que lembramos, pero tamén por todo canto esquecemos. E digo isto referíndome a cada un de nós, ao entorno familiar, á colectividade. A noite branca reconstrúe a historia dunha muller, María Luísa e do seu fillo Alfredo, voluntario na División Azul, a partir dunhas cartas que aparecen nunha caixa de marmelo. Pero a novela proxéctase ata o ano 2007, momento no que un escritor investiga ese pasado familiar. Memorias complementarias van reconstruíndo o ser dos personaxes, por veces manexando información contraditoria, porque en cada unha das persoas que lembran tamén actuou o esquecemento. (…)
– LVG: Para a escrita da novela visitou vostede moitos lugares da fronte. ¿Como foi esa investigación e como se recorda alí a guerra?
– FFN: Este foi o proxecto máis importante no que me mergullei e non falo só dende o punto de vista literario, senón tamén vital. Entre os meses de marzo e abril do 2011, a fotógrafa Maribel Longueira e eu seguimos exactamente o itinerario que levou aos divisionarios galegos ata Novogorod, na ribeira do río Volchov. (…)
– LVG: ¿Como está reconstruída a memoria familiar?
– FFN: A historia constrúese a través de catro voces. Unha son as cartas recuperadas. Outra é a historia do pelotón ourensán do que forma parte Alfredo, dende que se inscriben na División ata os combates. A terceira é o monólogo de María Luísa, cun diálogo implícito no que sabemos o que di a outra parte polas respostas dela e no que repasa a vida en compañía de dúas amigas. A cuarta é a do escritor que investiga e que persegue as lembranzas da súa familia en complicidade coa súa nai, que fora afillada de María Luísa e curmá de Alfredo.”