“O traballo como empresario, a visión sobre a lingua, ou o interese pola proxección exterior foron algúns dos múltiplos aspectos que se trataron no Congreso sobre Valentín Paz Andrade que organizou a Real Academia Galega os pasados xoves e venres. A institución publica agora no seu web un resumo das intervencións deste evento, no que destacados investigadores abordaron as múltiplas facetas deste empresario e pensador, homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2012. Deste xeito, por exemplo, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, destacou na conferencia inaugural do encontro como eixes fundamentais de Paz Andrade a súa aportación á política galeguista, a súa condición de intérprete de Galicia e a súa intención de proxectar a Galicia no mundo. Entre as novidades que deixou o encontro está o anuncio da publicación en 2013 dos Diarios de viaxe do galeguista. A editorial Alvarellos será a encargada de dar ao prelo estes 30 textos inéditos, escritos entre 1954 e 1955 durante os percursos por América de Paz Andrade como técnico da FAO. O material foi descuberto por Emilia García, historiadora encargada da dixitalización dos fondos do autor no Consello da Cultura.” Desde Cultura Galega.