III Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia

BASES

Obxecto
Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica. É unha iniciativa que relaciona a ciencia e a literatura dunha forma lúdica e participativa. A ciencia e a literatura recorren á creatividade para encarar novos retos e combinadas poden xerar novas e frescas ideas en direccións imprevisibles. Inspiraciencia pretende ser un espazo aberto onde pensar e imaxinar a ciencia, desde a ficción.
1. Poderá participar calquera persoa que presente un relato orixinal ‐en calquera das dúas modalidades do concurso‐ que estea inspirado nunha temática científica en calquera xénero literario (narración, poesía, teatro).
2. Os orixinais estarán escritos en catalán, español ou galego. Deberán ser inéditos e non ser premiados en ningunha outra convocatoria, certame ou premio literario, nin ser publicados en ningún outro medio ou blog persoal.
Modalidades e categorías
3. O concurso ten dúas modalidades:
Relatos curtos. Deberán ter unha extensión mínima de 800 palabras e máxima de 1.500 palabras.
Microrrelatos. Deberán ter unha extensión máxima de 500 palabras.
4. Os participantes poderán participar nunha das seguintes categorías:
Público adulto (a partir de 18 anos), ou
Público xuvenil (de 12 a 17 anos)
5. Os participantes deben rexistrarse nunha das dúas categorías e poden enviar como máximo un relato para cada modalidade competitiva. É dicir, cada participante pode enviar un relato curto e un microrrelato.
Presentación dos relatos
6. Os orixinais deberán publicarse no sitio web do concurso. Previamente haberá que rexistrarse a través dun formulario dispoñible no mesmo sitio web.
7. Os participantes poderán acceder á súa conta co nome de usuario e un contrasinal. O pseudónimo será o nome co que se asinarán os relatos que se queiran publicar.
8. O prazo de presentación de relatos pecharase o 10 de marzo de 2013.
Premios
9. Os premios outorgaranse durante o mes de abril de 2013, nun acto que se anunciará oportunamente.
10. O concurso prevé un premio institucional e un premio do público, para cada modalidade e categoría. Os premios serán dispositivos electrónicos, libros de divulgación, cursos de escritura ou talleres similares.
11. A organización do concurso resérvase o dereito de declarar deserta a convocatoria se considera que os orixinais presentados non alcanzan a calidade mínima necesaria.
Xurado e criterios de valoración
12. Para o premio institucional designarase un xurado que valorará as contribucións e proporá os gañadores. O xurado estará formado por figuras recoñecidas dentro do mundo da cultura en sentido amplo (ciencia, literatura, arte, divulgación) e anunciarase oportunamente. O concurso dispón dun equipo de moderación para que os relatos poidan saír publicados de xeito áxil. Este equipo encárgase tamén de facer a preselección dos relatos que pasará ao xurado.
13. Para valorar os relatos terase en conta a adecuación á temática, a calidade literaria, a orixinalidade do enfoque, ademais da creatividade e a imaxinación.
14. O premio do público decidirase a través dunha votación online dos participantes previamente rexistrados. Durante o período de votación, que se anunciará oportunamente, cada participante poderá votar os relatos que desexe de entre os preseleccionados, que coincidirán cos que valorará o xurado. O premio do público premiará os relatos máis votados de cada categoría e modalidade, con independencia da lingua na que se escribiron.
Participación
15. A participación neste concurso presupón a aceptación das bases.
16. Os relatos gañadores poderán ser publicados en medios físicos e/ou dixitais sempre mencionando os nomes dos autores.

Barcelona, decembro de 2012