Convocado o XXIX Premio de Poesía Cidade de Ourense

A Concellaría de Cultura do Excmo. Concello de Ourense convoca o XXIX Premio de Poesía Cidade de Ourense, de acordo coas seguintes bases:

1.º- Poderán participar todas as persoas que o desexen calquera que sexa a súa nacionalidade, sempre que as súas obras se presenten en galego ou portugués.
2.º- Non poderán presentarse os/as gañadores/as das cinco edicións anteriores a esta convocatoria.
2.º- (bis) Os traballos que se presenten terán que ser orixinais e inéditos, cun mínimo de SEISCENTOS VERSOS. Presentaranse mecanografados e a dobre espazo en follas tamaño folio, escritas por unha soa cara en exemplar sextuplicado, debidamente grampados, cosidos ou encadernados.
3.º- Outorgarase un único premio dotado de SEIS MIL EUROS, e a publicación do libro.
4.º- As obras deberán presentarse baixo lema, indicando PARA O XXIX PREMIO DE POESÍA CIDADE DE OURENSE. Nun sobre anexo, pechado e co mesmo lema figurarán o nome, apelidos, n.º de carné de identidade e enderezo do autor ou autora, o seu teléfono e, a poder ser, o enderezo electrónico.
5.º- O Xurado cualificador será nomeado pola Concellaría de Cultura, e estará integrado por personalidades das letras galegas e portuguesas, o gañador do ano anterior e un representante da Corporación. A súa decisión será inapelable e terá lugar ao redor do primeiro sábado do mes de xuño.
6.º- A primeira edición da obra premiada será publicada polo Concello, e entregaráselle un número de exemplares ao autor. Este queda en propiedade da obra para sucesivas edicións.
7.º- O prazo improrrogable de presentación rematará ás 14 horas do 30 de abril de 2013. A entrega farase no Rexistro do Excm. Concello de Ourense (Praza Maior, s/n), directamente ou por correo certificado, facendo constar no sobre PARA O XXIX CONCURSO DE POESÍA CIDADE DE OURENSE. Os concursantes portugueses poderán facer entrega dos seus traballos na Cámara Municipal de Vila Real (Portugal) dentro dos mesmos prazos.
8.º- O premio poderá ser declarado deserto se, a xuízo do Xurado, os traballos presentados non reúnen suficientes méritos ou non se axustan ás condicións establecidas na convocatoria.
9.º- Os traballos non premiados deberán ser retirados no prazo dun mes desde o día do veredicto. En caso de non se recolleren dentro deste prazo, os orixinais serán destruídos.
10.º- O feito de participar neste Concurso implica a total aceptación e conformidade das presentes Bases. Todas as incidencias non previstas nestas Bases serán resoltas pola Concellería de Cultura ou polo Xurado cando este quede constituído.

Ourense, xaneiro 2013