María del Rosario López Sánchez gañou o Premio de Poesía Cidade de Ourense

Desde Sermos Galiza:
“A autora María del Rosario López Sánchez gañou o Premio de Poesía Cidade de Ourense. O xurado, que se reuniu na sexta feira 5 de xullo, elixiu o seu poemario como gañador de entre os 49 apresentador por participantes de toda a Galiza e Portugal.
O poemario de López Sánchez titúlase Álbum e foi enxalzado polas valoracións do xurado pola súa claridade nítida. A obra, engadiu, ofrece unha estética clara e coherente onde na súa lectura, a lectora ou lector vaise imaxinando as imaxes que recrea.
Sobre os temas tratados na obra, o xurado salientou o autocuestionamento moi sincero da propia vida e da ética.
A decisión foi unánime e ademais, as e os membros do xurado valoraron moi positivamente a calidade de todas as persoas participantes. Precisamente, o xurado estivo composto polo alaricán Carlos da Aira, gañador da pasada edición; Celia Pereira, activista cultural; Rochi Nóvoa, poeta ourensá, e Mónica F. Valencia, Técnica de Normalización Lingüística do concello de Ourense.
O premio ten unha dotación económica de 6.000 euros e a publicación do libro. (…)”

Prender os fachos, compoñer os ósos, de Carlos da Aira, gaña o 34 Premio de Poesía Cidade de Ourense

Desde o Concello de Ourense:
Prender os fachos, compoñer os ósos, do poeta Carlos da Aira, foi a obra gañadora do 34 Premio de Poesía Cidade de Ourense. O xurado, composto por Luís G. Tosar, poeta e presidente do Pen Club Galicia, Soedade do Muíño, profesora de lingua e literatura galegas, Edelmiro Vázquez Naval, poeta, e Fernando Fitas, xornalista e poeta gañador da edición anterior, resolveu por unanimidade concederlle o premio ao poeta allaricense.
Os integrantes do xurado valoraron a súa obra do seguinte xeito: “Alicerzado nun discurso literario despoxado de artificialismos, mais presentando un conxunto de belas metáforas e un interesante vocabulario, esta obra constitúe un exemplo de como é posíbel transmitir a mensaxe, denunciar, insinuar, dar o recado, usando para o efecto, a poderosa suxestión da palabra, ao final, unha das trabes-mestras da poesía, desempeñando así, unha das súas funcións primordiais, cuxo significado se reviste de particular significado nos días que corren”.
O Premio de Poesía Cidade de Ourense está dotado cun premio de 6.000 euros máis a publicación de 150 exemplares do libro, e está aberto á participación de autores e autoras que presenten obras escritas en galego ou en portugués. O vindeiro ano, o poeta allaricense Carlos da Aira integrará o xurado da 35ª edición.”

Xurxo Alonso gaña o Premio de Poesía Cidade de Ourense

Desde La Voz de Galicia:
Cartas da fronteira, do pintor e escritor Xurxo Alonso, foi elexida polo xurado entre os 57 orixinais presentados a concurso este ano
O escritor e pintor vilagarcián Xurxo Alonso converteuse no gañador do XXXII Premio de Poesía Cidade de Ourense 2016. O xurado reuniuse no Liceo para elexir a mellor das cincuenta e sete obras presentadas a concurso, nunha convocatoria que está aberta a todos os cidadáns da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (as obras poden estar escritas en galego ou en portugués). Isabel Alves, Fernando de Castro, Luciano Rodríguez, Amalia Mosquera e Luís González Tosar elexiron Cartas da fronteira, do consolidado escritor vilagarcián, como o orixinal que reunía as condicións para ser Premio de Poesía Cidade de Ourense 2016. A convocatoria está dotada con 6.000 euros e a publicación do libro. (…)”

Eva Veiga gaña o Premio de Poesía Cidade de Ourense coa obra Silencio percutido

“OEva Veiga Premio de Poesía Cidade de Ourense xa ten obra gañadora. Trátase de Silencio percutido, escrito por Eva Veiga Torre. O xurado chegou a esta conclusión tras unha ampla deliberación, dando conta dos corenta e seis exemplares presentados nesta edición.
O xurado chegou a esa determinación por unanimidade, tras valorar a intensidade dun discurso lírico que incorpora, dentro dunha “poética do silencio”, matices de fonda reflexión e sensorialidade, mantendo en todo momento un exercicio de linguaxe e depuración expresiva. Nesta trixésima primeira edición participaron como xurado: Irene Veiga Durán, Miguel Anxo Fernán-Vello, Edelmiro Vázquez Naval, Rochi Nóvoa e Xavier Rodríguez Baixeras -como gañador da edición anterior-. A técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense Mónica Fernández Valencia, actuou como secretaria e o concelleiro de Cultura, Francisco González Bouzán, foi o presidente do xurado.”