“A Concellería de Cultura do Concello de Fene secunda a iniciativa da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e promoverá diferentes actos para a celebración pública do Día de Rosalía de Castro, o vindeiro 24 de febreiro, data do seu nacemento.
A comemoración do Día de Rosalía, recollida oficialmente pola Consellería de Cultura e Educacion no seu Calendario do Libro e da Lectura, ten este ano unha especial relevancia ao se cumprir o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, o primeiro libro íntegro monolingüe do renacemento da nosa literatura culta.
A obra de Rosalía é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional. A galeguidade intrínseca dos seus textos, a súa comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.
A Concellería de Cultura vai facer un chamamento á comunidade educativa e ao movemento asociativo para levar a cabo diferentes iniciativas que permitan proxectar a figura e a obra rosaliana entre o conxunto da poboación. Asemade, seguindo as propostas da AELG, convidarase á veciñanza de Fene a agasallar un libro galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro.
Fene, 29 de xaneiro de 2013″