O ollo da arte é un obradoiro impartido por Antía Otero onde se pretende ofrecer unha alternativa ás aulas propiamente académicas ao redor da experimentación e da arte contemporánea. Para iso, créase un espazo de convivencia ao redor de elementos tan importantes como a mirada, a expresión e os procesos artísticos, fomentando o desenvolvemento da imaxinación, da creatividade e das capacidades e habilidades artísticas de cada un dos participantes. Botando man de disciplinas moi diversas que van dende a fotografía ao collage, ou do video á arte urbana, pasando por outras como a performance ou o cinema experimental, no Ollo da Arte plantexamos un programa que, dividido en sesións teóricas e prácticas, nos permita ser o máis conscientes posible do acto creativo e das ferramentas das que dispoñemos para chegar a el a través da experiencia propia, mais tamén do debate e da aprendizaxe grupal. Pódese coñecer o universo de O ollo da Arte a través deste vídeo…
Celebrarase todos os luns entre o 18 de febreiro e o 3 de xuño, de 18:00 a 20:00 horas, na aula de obradoiros de Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña. O prezo é de 35 euros para membros da comunidade universitaria (25 euros en segunda matrícula) e 55 euros público xeral (45 euros en segunda matrícula), con dous créditos de libre elección (plans antigos) e 1 crédito de recoñecemento (plans novos). O número máximo de participantes é de 15 persoas.
O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o día 30 de xaneiro até o día 15 de febreiro. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña.
Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org
Área de Cultura. Casa do Lagar, Campus de Elviña, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensións 1954 e 1962 Mail: cultura.coruna@udc.es