Antón Cortizas: “Tastarabás leva 2.500 fotos e unha descrición de máis de mil enredos e xoguetes. A globalización cultural xa está inventada”

Entrevista a Antón Cortizas en La Voz de Galicia, desde Xerais:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Que iso do Tastarabás?
– Antón Cortizas (AC): É o nome que ten a carraca esa de facer ruido na zona de Cedeira e o norte de Ferrol. Xa ao primeiro libro deille un título moi onomatopeico, Chirlomirlo. Este ten como subtítulo Enciclopedia dos brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza. Leva 2.500 fotos e unha descrición de máis de mil enredos e xoguetes, que nalgúns casos son unhas liñas e noutros varias páxinas.
– LVG: ¿De quen son as fotos?
– AC: Case todas miñas, que tamén fixen a maior parte das construcións dos xoguetes, detallando cada paso, aínda que as veces tiven que pedir papas. Outras, como para un arco da vella, botei man doutras persoas.
– LVG: ¿Tamén enredaraos coa natureza?
– AC: Todos os seres humanos xogamos e brincamos igual, a globalización cultural xa está inventada hai moito tempo. No libro vai información directa de comunicadores dos que vai o seu nome e tamén por lecturas de centos de libros; ocupeime de ler literatura en galego de poetas e novelistas que fan referencias aos enredos e van treitos desas narracións. (…)”