Entrevista a Antón Cortizas en Diario de Ferrol, desde Xerais:
“(…) “Despois de publicar Chirlosmirlos. Enciclopedia de xogos populares, en 2001, comecei con este traballo [Tastarabás]. Xa nese libro indico que falta un capítulo e púxenme con el. É unha especie de catálogo coa intención de que o que fun argallando, de recollas e memoria, non quede esquecido”, explica Cortizas, na actualidade profesor de lº e 2° de ESO no IES de Canido.
O seu interese polo xogo tradicional vén desde que era mozo. “Xa na adolescencia comecei a escribir sobre os xogos dos que eu me lembraba, dos enredos que fabricabamos no barrio de Canido nos anos 60 ou por aí. Esa foi a orixe de Chirlosmirlos e tamén dun programa de radio que fixen en Radio Fene durante máis de dous anos”. A memoria foi o punto de partida pero para lograr reunir máis de 900 entradas sobre todo tipo de artefactos que se poden facer precisou tamén de axuda. “Grazas ós meus libros de literatura infantil fun a moitos centros para encontros con autores e aproveitei para poñerme en contacto con profesores e recoller información por aquí e por alá. Tamén traballei con bibliografía, de feito o libro inclúe moitas referencias de bibliografía galega e tamén foránea, xa que que grazas a internet temos cantidade de bibliotecas ás que acodir. Atopei libros divulgativos desde o século XVIII e XIX ara a actualidade, de varios países. O xogo é universal, en todos lados xogamos ó mesmo, máis ou menos cos mesmos entedos”, asegura. (…)”.