O compromiso público coa cidadanía que a Federación Galeusca asumiu desde a súa fundación, obríganos a pór en coñecemento da sociedade a nosa preocupación ante o reforzo intencionado da vontade política de restar status educativo aos idiomas galego, éuscaro e catalán, propios e oficiais de Galiza, Euskadi e Paisos Cataláns, símbolos identitarios das nosas nacións e instrumentos de traballo para as persoas que creamos corpus literario nas súas diferentes manifestacións, sexan estas de ficción ou de ensaio e investigación.
Constatamos a incoherencia da teorización recollida na exposición de motivos do anteproxecto de LOMCE e, por tanto, a inviabilidade da súa concreción educativa no futuro formativo do alumnado, ao pretender defender como alicerce deste novo regulamento a calidade educativa desde o reforzo de valores, competencias e coñecementos no alumnado do Estado, marxinando e restando espazo de aprendizaxe activa á diversidade lingüística e cultural que sustenta o Estado español e que reafirman os nosos limitados e insuficientes Estatutos de Autonomía.
Entendemos que non pode avanzarse na mellora da calidade de aprendizaxe global do individuo se se prescinde ou limita a súa capacidade para coñecer e recoñecerse no seu contorno, marcado pola heteroxeneidade e a diversidade lingüística e cultural; democracia, respecto, solidariedade e equilibrio son palabras que perden, con esta filosofía segregadora que o anteproxecto de LOMCE ampara, o seu valor e centralidade máis profunda.
Resulta imposible defender a necesidade de formar unha sociedade aberta, plural, global e participativa, capaz de desenvolver ao máximo as capacidades de cada persoa se, partindo dunha estratificación a tres niveis das materias que se imparten nos currículos, as nosas linguas deixan de estar en pé de igualdade co castelán como materias troncais, que si manteñen a lingua castelá e a primeira lingua estranxeira, para pasar a ter a mesma consideración que unha segunda lingua estranxeira, nunha posición xerárquica inferior á que se lle concede á materia de Relixión.
Neste sentido, consideramos que este segundo anteproxecto empeora substancialmente o primeiro borrador da lei presentado no seu día, o que evidencia non só a falta de respecto ás linguas e culturas nacionais do Estado español, senón o desprezo que lles merecen aos seus redactores, pondo en evidencia a súa obsesión por, como recoñeceron, españolizar a infancia e mocidade dos nosos territorios nacionais.
Cremos que a vontade que recolle o documento de querer elaborar unha reforma educativa «sensata, práctica, que permita desenvolver ao máximo o potencial de cada alumno» contradise na interpretación da cuestión propiamente plurilingüe que caracteriza o Estado español e na posta en valor e protección de garantía de futuro para as diferentes linguas cooficiais que a Constitución obriga.
É por iso que, tras a lectura deste anteproxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa, trasladamos á cidadanía a nosa preocupación pola progresiva deterioración tanto do prestixio social como do acceso ao dominio oral e escrito das nosas linguas para as xeracións máis novas, e esiximos aos responsables que retiren este borrador e traballen, desde a capacidade de diálogo e negociación precisa coas partes afectadas, nunha nova redacción consecuente coa realidade plurilingüe española, onde se recoñeza a capacidade de todas as linguas oficiais do Estado para crear habilidades cognitivas, enriquecer competencias transversais, ampliar o pensamento crítico, xestionar a biodiversidade natural e fomentar as destrezas creativas e a capacidade de comunicar e entenderse desde un eu que respecta ao outro.
En consecuencia,
a) A Federación Galeusca manifesta a súa radical oposición ao segundo anteproxecto de LOMCE presentado polo Ministerio de Educación. Esta oposición baséase no tratamento que o anteproxecto dá ás nosas linguas e ás nosas literaturas, un tratamento que traduce o desprezo por elas e a intención de reducir a súa presenza e valoración social, nun camiño que só conduce a unha situación aínda máis desfavorable e minorizadora.
b) Denunciamos a obsesión españolizadora e negadora das diferentes realidades que se fai patente tamén no atrevemento a financiar con fondos públicos o descoñecemento da lingua propia, arbitrando que cando os pais así o decidan será a administración autonómica quen teña que financiar unha formación allea á nosa lingua e que, por tanto, estaría a incumprir a nosa lexislación.
c) Desde a Federación Galeusca convocamos os gobernos galego, vasco, catalán, valenciano e das Illas, a analizar o verdadeiro significado da lei e esixir que non se invadan as competencias da Xunta de Galiza, do Goberno vasco, da Generalitat e dos Paisos cataláns.
d) A Federación Galeusca apoiará as reivindicacións cidadás que se promovan para reclamar a retirada deste anteproxecto, pois de manterse significaría avanzar na deterioración dos nosos idiomas até tempos predemocráticos.
e) As escritoras e os escritores da Federación Galeusca non podemos aceptar que quen ten a responsabilidade de gobernarnos actúe desta forma contra as nosas linguas, sen atender á realidade sociolingüística de cada territorio e pondo obstáculos a unha política lingüística normalizadora que debe marcarse como primeiro obxectivo frear a perda de falantes entre as xeracións máis novas.
f) A Federación Galeusca fai unha chamada á participación da cidadanía nas mobilizacións que se convoquen en defensa dos nosos idiomas.