Convocado o XVII Premio de poesía Avelina Valladares

“O Excmo. Concello da Estrada e a Asociación de Consumidores e Amas de Casa Avelina Valladares, comprometidos/as e sensibilizados/as co proceso de creación cultural desexan contribuír á difusión da lírica galega, e ao tempo servir como estímulo para que novos/as autores/as percorran o complexo e en ocasións pouco agradecido camiño da poesía, esa arte literaria de minorías, que historicamente adquiriu en Galicia unha importancia superior ao resto dos xéneros.
Preténdese valorar o traballo do/a poeta, do médium das artes, do/a alquimista que tende a ponte entre dous mundos, entre a realidade e a imaxinación, o sólido e o volátil, a terra e o espírito, conseguindo en cada traballo o antigo soño de transformar o chumbo en ouro.
Do mesmo xeito, perseverar no cultivo da lingua galega como sinal de identificación e diferenciación de Galicia e principal patrimonio cultural da nosa comunidade.
Por último, e non menos importante, colaborar coa divulgación da obra da poetisa estradense Avelina Valladares, auténtica precursora, xunto co seu irmán Marcial, do cultivo literario da lingua no século XIX, determinante no rexurdimento do noso idioma como vehículo artístico.

BASES

PRIMEIRA. Poderán concorrer ao Premio todos/as os/as autores/as de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos acordes coa normativa oficial vixente en lingua galega. Os textos presentados deberán ser inéditos.
SEGUNDA. Os orixinais serán presentados por cuadriplicado, con liberdade de tema e forma contando cun mínimo de 300 versos e cun máximo de 800 antes do 3 de maio do 2013. Deberán ser remitidos ao seguinte enderezo: XVII Premio de Poesía Avelina Valladares. Excmo. Concello da Estrada. Pza. da Constitución s/n C.P. 36680 A Estrada (Pontevedra).
TERCEIRA. Con cada orixinal, que deberá ser entregado baixo lema, xuntarase en sobre pechado o nome completo, enderezo e teléfono do/a autor/a.
Presentarase na plica unha declaración xurada conforme están ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa seguridade social, e non están incursos en prohibición de percepción de obrigas públicas, e en xeral de cumprir os requisitos do artigo 13 da LGS 38/2003.
CUARTA. A dotación económica será de 2.000 euros que se outorgará indivisiblemente nun único premio.
QUINTA. O xurado estará composto por tres membros escolleitos/as entre recoñecidas figuras do mundo da cultura propoñendo un/unha cada un dos grupos políticos representados na Corporación. Contará asemade con un/unha secretario/a, con voz e sen voto, en representación do Excmo. Concello da Estrada. O Premio entregarase por maioría de votos.
SEXTA. A composición do xurado darase a coñecer no día, lugar e hora que se comunicarán oportunamente. As bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia.
SÉTIMA. Unha vez emitida a resolución do xurado procederase á apertura da plica gañadora no curso dun acto público na data e lugar que se anunciarán oportunamente.
OITAVA. O Excmo. Concello da Estrada resérvase o dereito de publicar os traballos premiados en formato físico e dixital, nunha antoloxía creada a tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autor e compensando aos/ás autores/as con exemplares do volume que, no seu día, se puidese editar. No caso de publicación da obra polo/ autor/a, deberase facer referencia ao Premio obtido neste certame.
NOVENA. As obras poderán ser retiradas, previa solicitude por escrito, dentro dos tres meses posteriores á decisión do xurado. Pasado ese prazo serán destruídas. O Excmo. Concello da Estrada non manterá correspondencia cos/coas autores/as dos traballos presentados nin asume responsabilidade ningunha pola eventual perda dalgún orixinal.
DÉCIMA. A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nas presentes Bases, así como as decisións do xurado designado, que serán inapelables.”