Entrevista de Armando Requeixo a Mario Regueira no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Mario Regueira (MR): É evidente que o primeiro que lles falta ás nosas letras é un poder político que mire por elas con verdadeiro interese e implicación. A maior parte dos seus problemas derivan diso, e non hai máis que recorrer á comparación con outras linguas con menos falantes e un Estado ou poder local comprometido con elas para que resulte evidente. A literatura galega podería ter un papel moito máis destacado no contexto europeo, polo menos equivalente ao doutras pequenas nacións. En cambio, vivimos desperdiciando talento coa mesma alegría coa que acabamos cos bosques autóctonos ou enchoupamos os mares de fuel. A nivel cultural vivimos un Prestige anual que non se nota porque segue a haber un voluntarismo que cobre unha parte importante dos seus efectos. Sempre hai xente disposta a limpar as praias, cousa que é boa, pero que tamén marca dinámicas que cada vez resultarán máis complicadas de romper.
Sobrar sobran moitas cousas, se cadra destacaría as actitudes endogámicas que priman o relacional sobre outros criterios, e que sen ser, por sorte, unha tónica xeral, aínda deixan ver os seus efectos en eidos como a edición ou a crítica e tamén en determinados comportamentos das institucións. A literatura galega, como moitos outros ámbitos da nosa realidade, non está libre dos seus propios caciquismos, que ao contrario que os outros apenas son contestados e cando o son adoitan recibir respostas esaxeradas non exentas de represalias. Unha cousa similar pode dicirse de sectarismos concretos como o que atinxe a inacabábel guerra normativa, abono de actitudes empobrecedoras que son patrimonio de ambos bandos, pero menos desculpábeis (como en todas as guerras) naquel que hoxe ten maiores cotas de poder. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MR: É desconcertante o viva e fluída que se mantén a nosa cultura tras anos de abandono institucional, falta de visibilidade e hostilidade declarada dunha parte da sociedade. Vivimos nunha especie de oasis rodeado do máis atroz dos desertos, pero o certo é que nese pequeno espazo, e sen caer en idealismos, construímos algo semellante aos anos dourados da nosa tradición literaria. A vida que desprenden as voces novas da poesía, as sorpresas de calidade e vangarda que nos deixa anualmente a narrativa, ou o simple e puro feito de que haxa xente que aínda escribe ensaio e teatro, son feitos que debemos valorar como unha especie de milagre que evidencia a vontade do pobo galego de seguir contando cunha cultura propia contra vento e maré. Na mesma liña poderiamos falar da cantidade de proxectos editoriais e culturais que traballan cunha dedicación e unha perspectiva crítica admirábeis, moito máis se temos en conta que moitas veces o fan dende a precariedade ou a autoxestión.
A pregunta que deberamos facernos é canto tempo pode durar esta situación e tamén até que punto non é un premio de consolación ter unha literatura convencional tan viva cando o panorama internacional acolle xa outro tipo de narrativas ás que, por cuestións estruturais e económicas, non podemos practicamente acceder como creadores. En calquera caso, a enxurrada de creatividade que flúe pola nosa realidade cultural é unha cousa marabillosa da que é un orgullo poder participar. (…)”