Reportaxe en Praza:
“(…) “Que facemos coas letras galegas?”, “Cómpre anovar a súa celebración?”, “Debe ser un día non laborable?”. As Xornadas organizadas pola Liga Estudantil Galega dedicaron unha das súas mesas de debate a dialogar ao redor destas cuestións, coa participación de María do Cebreiro, de Manuel Bragado e de O Leo.
Un dos temas sobre o que debateron os relatores foi o da escolla do autor ou autora homenaxeada cada ano, por exemplo sobre a obriga de que teñan que pasar dez anos dende a súa morte para que así se produza. María do Cebreiro quixo trazar novas liñas neste debate, lembrando que “non todos os mortos están mortos”, pois en moitos casos a súa actualidade é máxima a través da importancia da súa obra ou doutros factores. A profesora chamou a “facer un pacto” pois “ao igual que se fai un investimento na protección do patrimonio material, hai que reflexionar que capital cultural queremos conservar e cal non”. Neste “pacto social” o canon debe ser cuestionado e reconstruído “cun papel fundamental da escola na súa transmisión” e sendo conscientes de que “ás veces fálase contra o canon e contra a institución poñendo en valor outros criterios máis comerciais”. Para Leo, profesor e músico, “o problema é o ritual, eu non son fetichista. Es punki e vas visitar o papa e deixas de ser punki. O problema en Galicia esta no esencialismo, hai que dialogar co pasado porque somos os vivos os que podemos falar co pasado. As Letras son a festa dunha persoa viva porque está viva a súa obra”.
Manuel Bragado, director de Xerais, comezou a súa intervención salientando o “éxito” que constitúe o feito de levar 50 anos seguidos celebrando as Letras, para a seguir recoñecer que se fracasou no obxectivo de “contaxiar a sociedade dese entusiasmo”, como si se conseguiu, dixo, en Catalunya coa celebración do Sant Jordi. E concluíu: “debemos conservar o obxectivo de potenciar libro e a cultura galega. Pero podemos anovar todo o demais”. Entre outras cousas chamou a aproveitar a oportunidade que supón que o 17 de maio sexa tamén en todo o mundo o Día de internet. (…)”