Entrevista de Armando Requeixo a Fran Alonso no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Fran Alonso (FA): Á literatura galega fáltanlle dúas cousas fundamentais para garantir o seu futuro, e non teñen nada que ver co propio proceso creativo: un estado que a apoie e lectores/as. E a existencia do primeiro non implica necesariamente a existencia do segundo. En primeiro lugar, á literatura galega fáltalle un estado que a apoie, que lle dea entidade administrativa, que a visibilice fóra das nosas fronteiras e que a prestixie dentro, e dígoo á marxe de calquera consideración ideolóxica. Se tivésemos un estado, o estatus do que gozaría a nosa literatura sería infinitamente superior. En segundo lugar, á literatura galega fáltanlle lectores e lectoras, e ese feito crea unha atmosfera de permanente decepción no ámbito da creación literaria e impide unha verdadeira correlación de forzas, amais de imposibilitar a profesionalización dos escritores e escritoras que o desexan. Non obstante, as posibilidades de medre para a literatura galega son enormes, porque só un 20% dos lectores galegos len na nosa lingua (polo tanto, potencialmente poderiamos incorporar para a literatura galega un 80% de persoas que xa son lectores/as en castelán). Evidentemente, este feito está directamente relacionado coa situación sociolingüística de Galicia.
No referido ao ámbito da creación literaria, creo que historicamente o que máis acusa a literatura galega é a falta de humor, e seguramente neste momento precísao máis ca nunca. O país da retranca, cun humor tan de seu, debe trasladar ese sentido do humor socialmente compartido á literatura. O problema principal é que, con frecuencia, aos escritores nos resulta difícil asumilo debido ás circunstancias que vivimos. Pero é un importante reto pendente. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– FA: Hoxe por hoxe, o que máis me preocupa é a terrible fenda, ese enorme desnivel, que existe entre a indiscutible calidade e a ambición literaria dos escritores e escritoras galegos e a resposta da sociedade ante a creación literaria na nosa lingua. O abismo é tan enorme que ás veces resulta profundamente desmotivador para unha literatura rica, plural e competente como a nosa. E eu, que pola miña profesión manexo cifras constantemente, convivo con ese feito a diario. Actúa como un lastre que impide a normalidade —malia que aparentamos vivir nela— e crea unha reiterada sensación de decepción nos escritores e escritoras. Evidentemente, o problema non está na literatura que se produce, senón na lingua na que se produce esa literatura; pero o futuro da literatura galega está inevitable e inseparablemente ligado ao futuro da lingua. Cando o goberno galego do PP está a lexislar contra a lingua galega (si, contra a lingua galega, por acción ou por omisión) tamén está a lexislar contra a literatura galega, contra o teatro, contra a industria cultural, contra toda a cultura galega, en definitiva. Agora ben, o problema da lingua (tamén transmitido á literatura) non é un problema conxuntural (conxuntural é a presenza dos depredadores do PP no goberno), senón un problema estrutural, que padecemos desde finais da Idade Media, e a súa solución está inevitablemente ligada a unha decidida vontade de cambio do pobo galego que supoña unha ruptura histórica, vontade que, polo de agora, non se albisca. (…)”.