“Este ano 2013 compiten 41 orixinais na XXXª edición do Premio Xerais de Novela e 39 na XXVIIIª do Premio Merlín.
Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres, 31 de maio. Os premios serán fallados o sábado 8 de xuño na illa de San Simón.
O xurado da XXX edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros e no que concorren corenta e unha obras, está formado por: Cristina Domínguez Baños (xornalista), Elisa Iglesias Gil (licenciada en tradución e interpretación), Ramón Rozas (xornalista), Iago Martínez (xornalista), Raquel Feijoo Casas (xornalista) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXVIII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren trinta e nove obras, está formado por: Rocío Carballeda Alonso (profesora), Mar García Pérez (licenciada e filoloxía hispánica e bibliotecaria), Isabel Mociño González (doutora en filoloxía galega e docente na Universidade de Vigo), Montse Pena Presas (licenciada en filoloxía galega, profesora da Universidade de Santiago e crítica literaria), Antonio Seijas Cruz (ilustrador e deseñador) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Os dous xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, o venres 31 de maio, e as gañadoras, na segunda, a celebrar o sábado 8 de xuño. A festa de fallo dos premios terá lugar ese mesmo día na illa de San Simón.”