Entrevista a Marta Dacosta en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Despois de Acuática alma (Espiral Maior, 2011) vén de gañar o Johán Carballeira con dun lago escuro. Por que de novo o recurso á auga?
– Marta Dacosta (MD): A realidade é que, certamente, emprego moito elementos líquidos como símbolos. O mar está moi presente, mais non só o mar senón tamén fervenzas e ríos, auga en movemento. As fervenzas aparecen en Acuática alma, como alma en movemento, con moita forza. Agora a auga é metáfora do que se quere expresar no libro, alegoría dunha realidade na que vivimos todos e cada un de nós como di un dos poemas. O que se traslada é que imos na vida como se estivésemos nadando de costas nun lago, mirando para o ceo, ignorando o que hai debaixo de nós. Enganámonos mirando o ceo limpo e azul sen reparar nos cadáveres que están no fundo, no lago. Vivimos na mentira e nunha realidade que é só aparente. Por iso emprego a metáfora do lago, no que parece que nada acontece mais está escuro e no fondo, que hai? Pode haber lama, mais tamén putrefacción. (…)
– SG: Explica con claridade o tema, custoume ben máis entender o argumento do xurado cando di “tinturas de crítica social que van de mans dadas coas luzadas de afirmación xenérica e as reflexións a propósito de trabes temáticas como a incerteza”. A que se refire?
– MD: O libro é circular, os poemas falan de cuestións parellas e volven de novo ao símbolo do lago. Aí está a circularidade e a presenza da crítica social aínda que o libro tamén é abstracto. O que quero dicir queda claro. Non digo que vivimos nunha sociedade putrefacta, o libro ten abstracción aínda que tamén hai poemas que relatan. A palabra mentira aparece no último e no primeiro poema. Reflexionaba no sentido máis negativo das connotacións da palabra mentira, mais ás veces non é buscada, é un engano. A memoria indúcenos a mentir, devólvenos unha imaxe do pasado que non é fiel, que se foi deturpando. (…)
– SG: A poesía súa é entón vivencial?
– MD: Ten moito de vivencial en canto parte dos sentimentos, para min a poesía é translación dunha emoción. Como un actor que se mete dentro dun personaxe para interpretalo. Non é como Hamlet, mais imaxina que é Hamlet. Como dixo Pessoa, o poeta finxe. Trátase dunha relación de interpretación entre a autora e a voz poética na que as vivencias están presentes.
– SG: Desde os seus inicios, hai xa máis de vinte anos, nunca deixou de recitar en público a súa poesía. Que potencialidade ten o xénero para ser compartido?
– MD: Para a poesía os recitais son unha boa ocasión de darse a coñecer. Fai que o poema chegue ao público lector. Hai persoas que se achegan aos libros despois de asistir a un recital. A poesía ten música e ritmo e necesita ser dita para completarse cos elementos que utilizas cando constrúes o texto. Faise plena cando a dis en viva voz, máis viva. O poema complétase porque están en acción todos os elementos. (…)”.