Desde o Proxecto Cárcere:
“Axúdanos a divulgar o manifesto copiando o link da barra de navegador desta páxina e enviándollo ás túas amizades e contactos. Cantas mais persoas asinen o manifesto mais forza teremos para conseguir salvar o cárcere.
Este é un S.O.S. dende o noroeste atlántico de Galicia.
A antiga Prisión Provincial de A Coruña, un edificio de gran valor patrimonial, arquitectónico e histórico, construción integrada como referente memorial no senlleiro espazo do faro de Hércules, declarado patrimonio da Humanidade pola Unesco, está nunha situación de perigo de ruína por causa do abandono institucional en que se encontra.
Entre outros elementos da construción, os tellados e cubertas ameazan derrube se non se fai unha intervención de urxencia. Este abandono ostensíbel non só pode acelerar o deterioro dun ben público de gran valor histórico e simbólico, con grave dano para a imaxe da cidade, senón que condicionaría de xeito pesaroso a súa recuperación para o uso da comunidade.
O vello cárcere de A Coruña ten que ser conservado polo seu grande interese arquitectónico e polo que representa como lugar de excepción na memoria da cidade e de todo o país galego, mais tamén debe ser rehabilitado e transformado nun espazo de liberdade creativa, coa participación cidadá, onde primen os usos sociais, culturais, educativos de carácter independente e, dada a significación do propio edificio, onde a memoria histórica do mesmo estea sempre presente.
Cada día, cada mes, cada ano de abandono é un tempo precioso que se perde. As persoas que asinan este manifesto esiximos das institucións, e en particular do Concello de A Coruña, Xunta de Galicia e Goberno de España, unha actuación inmediata para pór fin ao proceso de deterioro e ruína do edificio da antiga Prisión Provincial de A Coruña e a apertura dun proceso de recuperación para o seu uso cívico e cultural.
A 10 de abril de 2013″
As sinaturas pódense facer aquí.