Entrevista a Francisco X. Fernández Naval en Faro de Vigo, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): O caso é que A noite branca xa é, por crítica e vendas, unha das novelas do ano en Galicia. A que atribúe este éxito de crítica e, sobre todo, de público?
– Francisco X. Fernández Naval (FFN): Pois quero pensar que é porque a novela está ben escrita e que conta algo cunha tensión e unha paixón que engancha o lector. Tamén importa o tema, claro. Penso que está documentada dende o punto de vista histórico e quero crer que, sendo unha novela de guerra, non deixa de ser unha proposta de paz. Ademais, ten un certo valor moral, no sentido expresado por Coetzee, de que os libros deben facer mellores as nosas vidas. Iso quixera que fose A noite branca. (…)
– FdV: Un dos seus primeiros éxitos literarios foi o Premio Cidade de Ourense de Poesía e, de feito, Vde. alterna a lírica coa narrativa. De que maneira xorde a súa creación poética? Escribir poesía resulta para Vde. unha necesidade vital ou soamente literaria?
– FFN: A poesía é algo imprescindible na miña vida. Non sempre estou en condicións de escribila, pero procuro lela todos os días. Leo poesía polas mañás, antes de ir ao traballo, procurando crear dentro de min e ao meu arredor, un territorio de sensibilidade, non sei se de inocencia, que me axude a vivir. Escribila é outra cousa. Hai momentos nos que necesito expresar algo que bule ou ferve dentro de min e só podo facelo a través da palabra poética. Daquela de nada me vale a narración. Sei que se me quero achegar a iso que sinto, só me podo valer do verso.
– FdV: Algunha das súas novelas tamén foron traducidas a outros idiomas, entre eles o castelán. A este respecto decía hai pouco nunha entrevista o escritor vigués Pedro Feijoo, que “parece que se non te traducen ao castelán non existes”. Comparte Vostede esta opinión?
– FFN: Isto precisa moita matización. Existo por ser e por escribir na miña lingua, aquela pola que optei, coas súas cousas boas e malas, que de todo hai. Na miña opinión, o que sucede é que un escritor necesita dialogar con outros lectores e con outros escritores, tamén noutras linguas. O problema do galego é que para atopar saída a esas outras linguas, debe pagar a peaxe do castelán. Accedemos ao mundo polo castelán e iso é tremendo. Quizais sexa a isto ao que se refire Pedro Feijoo. Eu considero que un dos esforzos das administracións, tiña que ser o de crear canles estables de comunicación da cultura galega con outras do mundo, sen necesidade de peaxes. (…)”