Desde Sermos Galiza:
““Nom queremos renunciar às exposiçons, nim ao comboio de baixa velocidade, nim à música, nim à poesia, nim ao bar, nim a projectar as curtas do Festival de Cans, nim aos passa-ruas, nim à festa infantil” din desde a organización do máis antigo encontro poético do país para explicar que desta volta recorresen á plataforma verkami para acadar o seu financiamento.
Escollen a Desobediência como tema do Festival como un berro contra os recortes, contra os roubos que lle tiran ás persoas para sufragar os bancos, contra as decisións que abandonan a cultura de base para alimentar proxectos como a Cidade da Cultura.
A SCD do Condado chega neste 2013 ao seu corenta aniversario, entidade que, desde o 1981 leva organizando o Festival da Poesía, vinte e seis edicións dunha festa de poesía que é xa referencia pola súa longa historia. Desde sempre, o proxecto foi autofinanciado, botando man de cotas de socios, vendas ou algún pequeno subsidio, partidas que a crise mermou de maneira notábel, o que obriga agora a recorrer a que xente de fóra faga as súas aportacións para que o Festival continúe.
Para alén da música, o programa do Festival de Poesía inclúe actuacións de Mónica de Nut e Virxilio da Silva, O som da triga, Banda Hospitaleira do Minho, Sacha na Horta ou unha feira popular cultural e actividades infantís en dous días cheos de cultura. Persoas do mundo da cultura como Chus Pato, Brais González, Ramiro Ledo ou Samuel Solleiro apoian a través das redes o Festival de Poesía.