Entrevista de Xesús Fraga a Xabier López en La Voz de Galicia:
“A finais da pasada década dos 80 por Bergondo correuse a voz da inminente chegada dun home de negocios xaponés disposto a investir na industria da xoiería do concello coruñés. Aínda que non sabe como concluíu aquela historia, a anécdota quedou no maxín do escritor Xabier López López, daquela un adolescente, ata agroma agora como punto de partida do seu libro 1989 (Biblos).
A novela regresa a aquel ano para tecer coas narracións en primeira persoa dos seus cinco personaxes principais unha historia na que conflúen o individual e o colectivo. Trátase dun adolescente, un bibliotecario, un sindicalista, a dona dunha pensión e unha figura que o autor define como un clochard ou bufón. De idades e con experiencias distintas, comparten a pertenza a un momento que une ás xeracións: a transformación dun mundo coñecido noutro novo. «A historia transcorre ao longo de 15 días de decembro de 1989», describe Xabier López: a caída do muro de Berlín e a de Ceaucescu en Romanía sinalan a desaparición da URSS e a ideoloxía do «socialismo real». «É a primeira vez que escribo sobre algo que me resulta tan próximo», admite López, referíndose tanto ao tempo como ao espazo. 1989 está ambientada en O Vilar, unha vila ficticia que toma elementos de Bergondo e Betanzos, que o escritor coñece ben, xa que naceu no primeiro e reside no segundo, onde ademais foi concelleiro.
A historia está narrada en clave de comedia, aínda que López cita a Celestino Fernández de la Vega -«o humor é froito da desesperación»- para advertir de que 1989 tamén contén «algunhas cargas de profundidade» que tamén poden ter unha lectura actual. «Fálase moito da xente que deixou os estudos por un traballo na construción, pero en Bergondo iso tamén pasara con moitos mozos que cambiaran o instituto polos obradoiros de xoiería», lembra. (…)”