Entrevista a Marcos Calveiro en Radio Obradoiro:
“(…) O autor de Palabras de auga explicou en Radio Obradoiro que pasar a formar parte da Lista de Honra do IBBY “é unha honra, sobre todo polo feito de que se elixa esta obra entre todo o publicado nos últimos dous anos na literatura infantil e xuvenil galega”. Segundo dixo, este recoñecemento “fai posible que o libro teña unha maior visibilidade, porque se vai expoñer nas feiras más importantes do mundo” e “abre ás portas a que se traduza a outras linguas do mundo” ademais do castelán, o euskera e o catalán.
Palabras de auga, Premio Merlín de Literatura Infantil 2012, conta a vida dun neno en África “nunha rexión abatida pola fame, a guerra, pola falta de auga e a violencia. Trata do seu periplo e do da súa familia tratando de mellorar a situación terrible na que viven”. O punto de partida desta historia, cun “final aberto á esperanza”, foi un artigo publicado nun xornal. “Hai uns anos lin unha nova que relataba que hai mulleres no Chad con tan poucas posibilidades de alimentar aos seus fillos que buscan formigueiros, sáchanos e collen o gran das formigas para elaborar a fariña coa que fan as tortas aos seus fillos”.
Calveiro vive en Vigo, onde desenvolve a súa actividade profesional como avogado, aínda que recoñece que “nos últimos tempos traballo máis como escritor”. En setembro chega ás librarías unha nova obra súa dirixida a lectores mozos, a novela Todos somos.”