Xerardo Quintiá gaña o XX Premio Narrativa Breve Repsol

“A obra baixo o título e lema A Miseria de Xerardo Quintiá, resultou gañadora da XX edición do Premio Narrativa Breve Repsol en lingua galega e recibirá unha dotación de 15.000 euros alén da publicación do libro pola Editorial Galaxia. Así o comunicou esta mañá o voceiro do Xurado, Armando Requeixo.
O acto do ditame deste 20º aniversario foi na Fundación Luís Seoane e contou coa presenza de representantes das entidades impulsoras do premio: o secretario xeral de Lingua, Valentín García, a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro; o concelleiro de Cultura e Turismo coruñés Gonzalo Castro; o director xeral da Editorial Galaxia, Marcos Calveiro; Cesáreo Sánchez, Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG); Dolores Sánchez Palomino, académica da Real Academia Galega e Armando Requeixo como voceiro do Xurado.
Este ano a convocatoria do XX aniversario superou o número de obras presentadas con máis de 60 obras orixinais e inéditas.
O Xurado da XX edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto este ano por cinco recoñecidas voces das letras galegas: o director Xeral da Editorial Galaxia, Marcos Calveiro; a escritora e gañadora da XIX edición do Premio Narrativa Breve Repsol, Carmen V. Valiña; a arquiveira e membro da Comisión Executiva da Real Academia Galega, Dolores Sánchez Palomino; o tamén crítico literario, Armando Requeixo, e a poeta e escritora nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Alicia Fernández.
Armando Requeixo, voceiro do Xurado desta edición, destacou da novela de Xerardo Quintiá ” a capacidade para artellar un relato de fonda sensibilidade social, que plasma a traxedia dun desafiuzamento e as dramáticas consecuencias que provoca na familia que o padece.
Tamén si, salientou especialmente o talento do autor para espellar a transformación na identidade do protagonista, que ve como unha vida acomodada acaba virando nunha traxedia que remata por anulalo”.
Segundo os membros do Xurado a obra “está escrita cunha prosa de moi fino burilado, chea de imaxes poéticas, esta historia conmoverá ao lectorado, convidándoo a repensar o inclemente e feroz mundo no que vive unha parte da sociedade actual. (…)”

Vigo: actividades do 1 de xullo da Feira do Libro 2026

Feria do Libro de Vigo 2026

PROGRAMA

Kim Puime gaña a VII edición do Premio O Garaxe Hermético de Banda Deseñada

Desde Galaxia:
“Reunido en Pontevedra o 6 de xuño, o xurado da VII edición do Premio «O Garaxe Hermético» de Banda Deseñada, integrado por Kiko da Silva, debuxante e responsable do Garaxe Hermético; Teresa Valero, debuxante; e Marcos Calveiro, director de Edicións Galaxia, acordou por unanimidade conceder o galardón á obra Merlín e familia, adaptación da obra homónima de Álvaro Cunqueiro presentada baixo o pseudónimo de Pardal. Unha vez aberta a plica, resultou ser autora da proposta Kim Puime.
O xurado destacou que se trata dunha adaptación á banda deseñada moi fiel ao espírito da obra orixinal, mais ao tempo profundamente persoal e innovadora. Valorou especialmente o equilibrio entre texto e imaxe, a forza expresiva do relato, o seu grafismo contemporáneo con ecos da estética románica e a reinterpretación da mitoloxía desde unha perspectiva propia, capaz de actualizar o clásico e facelo dialogar co lectorado actual.
Debido á alta calidade das obras presentadas, o xurado decidiu tamén distinguir como finalista o proxecto Alfa, presentado baixo o pseudónimo de Xinchi e que, tras a apertura da plica, resultou ser obra de Xian Caamaño Caramés.
Sobre Alfa, o xurado salientou o seu debuxo de filiación cartoon, expresivo e cheo de matices, o uso coidado da cor ao servizo da narración, as composicións de páxina dinámicas e imaxinativas e a reflexión crítica sobre as novas masculinidades que desenvolve a través dunha historia con estrutura de fábula.
A entrega dos premios celebrarase o 27 de xuño, dentro das actividades da IV edición do Festival BDra Gráfica, en Pontevedra. Ambas as obras serán publicadas por Galaxia ao longo do ano 2027, dentro das coleccións Novela Gráfica e BD, respectivamente.
Kim Puime, residente en Pontevedra, é alumna do Garaxe Hermético, finalista do premio de fin de curso de 2019 da escola profesional e creadora do fanzine a catro mans Corpos.
Xian Caamaño Caramés, tamén residente en Pontevedra, é graduado en Belas Artes e alumno do Garaxe Hermético. Ademais, un cartel da súa autoría resultou gañador do concurso do Entroido de Pontevedra.”