Berta Dávila: “Amólame que me pregunten por que escribo en galego. Xa sabemos que significa esa pregunta”

Entrevista de Alberto Ramos a Berta Dávila en Praza:
“(…) – Praza (P): Porque foi até Dakota para contarlles aos seus lectores esta historia [O derradeiro libro de Emma Olsen]?
– Berta Dávila (BD): Foi unha localización que estivo alí case dende o comezo. A idea de localizar a historia nos EUA xurdiu ao tempo que as personaxes de Emma e de Clarisa, que son as dúas protagonistas da novela. De feito, xa xurdiran nese contexto, non poderían existir noutro contexto. O que si fixen foi buscar un lugar concreto na xeografía estadounidense para situar a historia. E decanteime polo Medio Oeste, porque é un lugar en principio anódino, onde existen moitas cidades de poucos habitantes e onde nunca ocorre nada. Ao final, apareceu Faith, un lugar en que sucederon unha morea de circunstancias extraordinarias e, malia todo, rematou coma unha desas vilas anódinas. Circunstancias extraordinarias como a descuberta de Sue, o tiranosauro rex máis grande do mundo, ou como que o nome da cidade é resultado de que o Ferrocarril de Rockefeller remataba en Faith, e a súa filla se chamaba Faith. Todos eses feitos fixéronme pensar que era un lugar para novelar. Decidín acoller na novela todas estas singularidades, pero tamén saír das marxes do Faith real e crear un de ficción para xogar cos estereotipos. (…)
– P: Escolleu a lingua?
– BD: A lingua vennos dada, pero nunha situación de conflito como a que temos nós, tamén é unha elección. No meu caso, foron as dúas cousas. Veume dada por unha banda, pero tamén a escollín. Polo menos, escollín non abandonala. Eu son galega, vivo aquí e escribo en galego… Creo que é o normal. Máis que a pregunta de que nova es, amólame moito máis a pregunta de por que escribo en galego. E por que? Porque xa sabemos que significa esa pregunta. (…)
– P: Polo que sei, anda mergullada nun proxecto de investigación ao redor da Literatura Infantoxuvenil (LIX).
– BD: É un ámbito moi interesante para investigar. Creo que é unha das mellores literaturas que se fan no mundo e chegan a todo tipo de lector, porque eu non creo na literatura como xeito de illarnos do mundo, senón de conectarnos. Ademais, está vinculada ao ensino.
– P: Cre que se subestima a LIX?
– BD: Non é que o crea, é que moitas veces se subestima. Só hai que ver a atención crítica e mediática que se lle dá a unha obra de adultos e a outra de LIX. E tendo unha literatura infantil e xuvenil potente, interesante e moi rica como a que temos… Houbo unha época que parecía que estaba mal vista… Vaia, mal vista tampouco, que non é un vicio escuro… Pero si parecía unha lectura de segunda, sobre todo en determinados ámbitos académicos. Parecía que se lías a Fernández Paz, non podías ler a Proust. A min, Fernández Paz paréceme alta literatura. (…)”