Texto lido por Alberto Lema na mesa redonda Ser ou non ser posmoderno?, no VIII Ciclo Escritores/as na Universidade

O 24 de setembro tivo lugar en Vigo a primeira mesa redonda, baixo o título Ser ou non ser posmoderno?, do VIII Ciclo Escritores/as na Universidade, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Alberto Lema leu este texto, que reproducimos a continuación desde o seu blogue:

Sobre a Posmodernidade

“Cando Lyotard escribiu o seu célebre texto A condición posmoderna hai xa corenta anos non estaba a celebrar a fin da historia, nin da loita de clases ou das ideoloxías, para iso aínda faltaban case vinte anos, ata a publicación en 1992 de A fin da historia e o último home de Fukuyama. O que fixo Lyotard foi describir un desprazamento nos gustos dos estudantes universitarios canadenses dos setenta que se confesaban aborrecidos dos metarrelatos, un concepto problemático por vago e plurívoco, como tamén o é o de Posmoderndade, pero que viría a ser algo así como aquelas narracións que pretenden transmitir unha unidade de sentido totalizadora e un horizonte de emancipación, como acontece, poñamos por caso, en Cien años de soledad. Unidade de sentido, totalidade, emancipación… son todos eles conceptos que entraran en crise co devalo do 68, conceptos dos que Foucault, continuando a demolición de Nietszche, denunciara por reaccionarios, delirios da Razón burguesa occidental, da que o marxismo era un fillo non exactamente espurio, e que portaban canda si novos procesos de exclusión, control e encerro. Os principios da Razón Universal eran concibidos, logo, coma exércitos en misión de conquista, sometemento e colonización da Diferenza, pois nesta idade da que falamos, principios dos setenta, as políticas da igualdade, esa liña histórica que vai de 1789 a 1968, perderan todo o seu prestixio fronte ás políticas da diferenza, as das minorías sexuais, raciais e xenéricas que son as que aínda hoxe ocupan o centro do debate. Lyotard o que fixo, pois, foi simplemente pórlle nome a algo que xa estaba alí, a Posmodernidade.
Entón como podemos facer para analizar en menos dunha hora este fenómeno da posmodernidade que aparece decote relacionado con outros como o de Globalización, capitalismo serodio, fin da historia, crise do suxeito, cultura pop ou a morte de deus?
Como vedes, este sería un programa de estudos digno dun par de trimestres ou, cando menos, dun deses cursos de posgrao cos que embelecer o currículum e contribuír ao negocio da privatización do saber. Advertimos, antes de empezar, que non temos afán de sistematicidade ningún, nin de cohesión, non vai haber notas a pé de páxina, nin bibliografía consultada.  Seremos necesariamente redutores, esquemáticos e moi aventurados nas conclusións. Alá imos.
A Posmodernidade maniféstase como unha forma cultural produto dunha morea de transformacións sociais, tecnolóxicas e históricas que se foron producindo ao longo dos últimos corenta anos e que supoñen unha creba na administración do saber, a cultura e a arte só comparable á acontecida durante o Renacemento. O que resulta diferente neste caso, é que a Posmodernidade non ten misión redentora ningunha, non hai regreso ao Home nin á Razón,á Natureza ou á Liberdade, a Posmodernidade interésalle máis ben a relación do home cos obxectos de consumo, como predicir e manipulara súa demanda de novas mercadorías. Na era posmoderna, non é que a arte se sometese finalmente ao Mercado, é que nada existe fóra do Mercado. A arte, en palabras de Walter Benjamin, xa perdera a súa aura na era da reprodución en masa, é dicir, durante o primeiro terzo do século XX, no capitalismo fordista, e máis adiante, cando aparezan Duchamp e Andy Warhol, perderá o que lle restaba de sagrado: a noción de autor, orixinalidade, traballo aplicado.
Pero ben, antes de proseguir fagamos unha breve panorámica histórica, necesariamente esquemática pero axeitada, espero, aos fins propostos. No momento de partida, aló contra o século XVI, temos unha pequena elite intelectual que racha co monopolio do saber da Igrexa e, grazas á imprenta, inicia o maior proceso de democratización da cultura coñecido ata ese momento. Estas elites divídense en dúas faccións: unha conservadora que pretende manter o pobo separado do Saber, ou mellor dito, pretende manter o pobo separado do acceso a un saber non regulado por eles. Esta facción reaccionaria adoita ser católica en materia de relixión, e absolutista en política. A outra facción si está interesada en espallar o saber, que neste momento histórico equivale a tirar edicións masivas da Biblia, son máis ben evanxélicos en relixión, é dicir, protestantes, e republicanos en materia política. A Biblia que farán circular en masa estará depurada de intervencións interesadas romanas, e admitirase, mellor dito, promoverase unha lectura directa e sen intermediarios das Sagradas Escrituras. Isto vai dar lugar a unha auténtica revolución cultural pois, por un lado, torna superfluo o papel dos sacerdotes que ata ese momento eran os garantes da única lectura lexítima dos textos, e por outra parte, posibilita interpretacións moi radicais e perigosas dos evanxeos que postulan, por caso, a igualdade radical entre os homes.
Desta segunda póla nacerán, pasados dous séculos, as Luces, pois, se a palabra de deus fora deturpada polos Papas para o seu proveito, como podían os reis absolutos seguir a reclamar o seu dereito á coroa pola graza divina? Esta é a pregunta Ilustrada por excelencia: por que nos gobernan como nos gobernan.
Ademais diso, no interior desta facción evanxélica, os conflitos da Fe coa Razón resólvense maiormente en favor da segunda, aínda que non sempre, como ben sabemos polo caso Darwin, e isto posibilita un maior desenvolvemento técnico destes países libres de obediencia ao Papa e ao Índice da Inquisición, que co paso do tempo dará lugar á Revolución Industrial.
Pensemos agora no caso de Rousseau. El defende que todos os homes nacen iguais -e cando digo homes refírome en exclusiva á parte masculina da humanidade, ás mulleres aínda non lles foi recoñecida esta igualdade- dotados dunha Razón que os fai libres e propensos a escolleren o Ben mor da súa bondade innata Esta concepción do home, como se pode prever, era moi dificilmente compatible coa monarquía absoluta e os privilexios da nobreza. Vitoriosa a Revolución, Napoleón espalla coa baioneta este novo credo por toda Europa en loita aberta coa Igrexa e o Antigo Réxime. Esta guerra entre a burguesía liberal ilustrada e o Antigo Réxime aristocrático e relixioso dura aproximadamente todo o século XIX, e, finalmente, remata coa derrota do bando aristocrático, cando menos en Europa, en España isto tardará máis tempo en acontecer, e o resultado da Guerra Civil prolongou aínda uns decenios máis o século XIX en España.
Os artistas e intelectuais do bando vitorioso, pola súa parte, divídese en dous. Por un lado, a súa facción máis progresista alíase co proletariado dando lugar a unha morea de filosofías igualitaristas: como os sansimonianos, os fourieristas, os cabetianos nun primeiro momento, e os anarquistas e comunistas máis adiante. A outra facción establece unha alianza coa burguesía triunfante a quen lle ofrece o produto do seu traballo, ou, por expresalo en termos althusserianos, transfórmase no seu aparato ideolóxico. Por suposto, esta liña divisoria non é tan sólida como poida parecer, é máis ben porosa, e un escritor que en principio pretende escribir para un bando, pode servir sen querelo os fins do contrario, como sucede nos casos de Víctor Hugo, Balzac, Dickens. En todo caso, son todos unha elite intelectual que transmite unha visión do mundo unificada aos seus lectores, e que denuncia en moitos casos, as malas condicións de vida dos proletarios durante o primeiro capitalismo. Os de abaixo, por suposto,tamén producen a súa parte, pero esta non aparece, polo xeral, nas antoloxías, aínda que o esforzo de Rancière ou E. P. Thompson nos últimos tempos están a mudar esta concepción. A facción pro-burguesa dos intelectuais e artistas divídese a si mesmo en dúas partes, e desculpen tanta ramificación: unha elitista que vai practicar a arte pola arte (Flaubert, Baudelaire, Mallarmé), e outra de masas que vai producir para o gran público, como foron os irmáns Dumas ou o devandito Dickens. Desta segunda póla de produción cultural en masa orientada ao gran consumo nacerá, practicamente un século despois, a Posmodernidade.
E así chegamos ao século XX. O que coñecemos por Modernismo é a arte que practica a facción de “arte pola arte” da arte burguesa. O que coñecemos por Vangardas procede, na súa meirande parte, dos artistas que se dirixen ao proletariado, xa non coa idea de educalo, senón de crear un arte novo, antiburgués, revolucionario, orientado a un pobo futuro aínda por se manifestar. Ao mesmo tempo prodúcese, grazas aos novos medios técnicos, un verdadeiro salto cualitativo na capacidade das novas ferramentas tecnolóxicas para reproducir e espallar os produtos culturais. Invéntase a fotografía, o cine, a radio, edítanse miles de xornais, libros, panfletos… esta superprodución de bens de consumo artístico supón tamén, grazas á deflación consecuente, unha grande ampliación do público con capacidade para acceder a eles.
Entón chega a experiencia da I Guerra Mundial e da Revolución Rusa. A experiencia do horror da gran guerra supón a creba definitiva na confianza dos valores da burguesía ilustrada, que é practicamente varrida do escenario político durante os anos trinta e substituída polo Fascismo. Da outra parte, están os artistas fieis á promesa derivada do acontecemento de Outubro e que agora semella máis próxima ca nunca: a dunha sociedade sen explotación.
Finalizada a II Guerra Mundial co resultado que coñecemos, dá comezo unha Guerra Fría na que se enfrontan o Capital, que absorbeu para o seu bando no combate ideolóxico os restos do fascismo (lembremos os casos Heidegger ou Jung), e o Comunismo, que recruta para as súas filas unha morea de artistas e intelectuais que non son unicamente comunistas pero que, malia a todo, se aliñan con este bando, o que lle permite acadar unha hexemonía cultural que vai durar ata a chegada da Posmodernidade.
Neste tempo empeza a producirse no campo Occidental -grazas á gran potencia difusora dos novos medios de información e, nomeadamente, da televisión, a maior ferramenta de propaganda e control ideolóxico xamais inventada- un fenómeno que contra os anos noventa pasará a chamarse Globalización, pero que neste momento, a mediados dos anos cincuenta, aínda non ten nome, e consiste na distribución a escala planetaria de bens culturais producidos nomeadamente nos Estados Unidos que máis tarde pasarán a ser chamados cultura popular, ou Pop, pero que, en realidade, son puro folklore norteamericano producido e distribuído en masa. Este tamén é tempo do que Hobbsbawn chama a Idade Dourada da economía capitalista que experimenta, mellor dito, fomenta, unha suba espectacular mediante o creto no campo da demanda.
E nestas condicións chegamos á Guerra do Vietnam e Maio do 68 que podemos considerar como os dous derradeiros momentos de dominación intelectual, política e artística da esquerda que, a partir de entón, perde definitivamente a hexemonía cultural. Estamos no mediodía da cultura do hedonismo e o consumismo. A mocidade dos países capitalistas empeza a estar convencida de que vive no mellor dos mundos posibles, e esta impresión vese reforzada coa caída do Muro en 1989. Dez anos máis tarde todo o mundo ten un móbil e un computador persoal, Fukuyama publica A fin da historia e o último home en 1992, e abofé que parece ter toda a razón.
É o momento ideal para o reinado do superhome nietszcheano que xa non ten máis a obriga de se comportar como deus manda. Os novos filósofos, Baudrillard, Vattimo, espallan a boa nova da cultura do espectáculo e do simulacro, do capitalismo cognitivo e da fin da loita de clases. A grande obra literaria deste momento é American Psycho, de Brett Easton Ellis. A aparición da Rede vén a incrementar aínda máis, o monopolio tecnolóxico e cultural anglo-norteamericano, malia a que Manuel Castells edificase esas marabillosas utopías cibernéticas segundo as cales a horizontalidade e a multiplicación dos centros son a conclusión ineludible da expansión da Rede, hoxe vemos, como acaba de demostrar moi graficamente o caso Snowden, que o tráfico na Rede está practicamente nas mans de tres ou catro oligopolios norteamericanos  que son os que deseñan a súa estrutura fundamental, os filtros de censura e as liñas de fuga.

Que trazos definen entón a novela posmoderna?
1. O predominio da primeira persoa. Coa caída dos metarrelatos, tamén decaeu o ideal de verdade e, por tanto, os puntos de vista omniscientes.
2. Esta primeira persoa que fala carece de identidade colectiva. Polo xeral, non forma parte dun grupo de acción política, senón máis ben, dun grupo de consumo, é dicir, dunha tribo máis ou menos urbanizada, da que se detallan os seus signos de identidade e ritos de pasaxe.
3. A ironía. Nada semella acontecerlle realmente ao narrador-personaxe. Non hai experiencia da dor propia ou allea. Todo sucede nunha distancia que torna o outro descoñecido, fantasma ou fetiche.
4.  O presentismo. Non hai profundidade histórica, os personaxes parecen aboiar nun presente perpetuo. O retroceso na Historia suporía a ameaza segura de se topar cun metarrelato, é dicir, no caso español, coa Guerra Civil.
5. Non hai conflito de clase. O narrador personaxe pertence a esa categoría ilusoria chamada clase media que se caracteriza por non ter problemas de cartos.
6. Non hai vangarda, hai orixinalidade. O mercado é a única medida obxectiva de valor, e como experimentalismo repele o gusto medio, é frecuente a caída no uso de formas caducas e anacrónicas mais supostamente seguras por accesibles.
7. Non hai heroe. Xa non digamos heroe socialista, non hai heroe tampouco á forma do Dandy baudelairiano, o flaneur que pasea pola cidade observando o que acontece e dedicado a unha vida monacal de culto estético.
8. O xénero apocalíptico. Se o Modernismo foi o tempo das distopías producidas polos pesadelos da Razón, os mundos post-apocalípticos resultado dunha catástrofe ecolóxica, ou dun colapso da civilización é unha da paisaxes características deste tempo.

Que sucede hoxe?
En Occidente e nos países do chamado Primeiro Mundo, a Crise do 2008 rematou coa ficción da fin da historia pola superación das contradicións internas do Capital. A realidade reprimida da explotación e a exclusión regresa con máis forza ca nunca: perda de dereitos laborais, infratraballos, precariato, desemprego, endebedamento masivo das familias, endebedamento masivo do estado para socializar as perdas da banca e das grandes corporacións… o que sucede hoxe, a diferenza de noutros momentos históricos, é que non existe un horizonte de emancipación colectivo compartido por moitos polo que loitar. A esquerda parece acharse agora nun estado de parálise e pesimismo diante da magnitude dunha catástrofe ante a que se sinte incapaz de dar resposta.

Que facer?
Pensamos que, despois do antedito, o escritor ou escritora que queira escribir atendendo ao mandato rimbaudiano de sermos completamente modernos, debería empezar, en primeiro lugar, por tomar conciencia do contido ideolóxico que porta a Posmodernidade que vimos de describir, é dicir, tomar conciencia do feito de que a actual estética dominante é, en realidade, reaccionaria.
En segundo lugar, tras o acontecido no século XX, o escritor non pode  considerar máis a historia como un proceso alleo á nosa vontade e condenado a se realizar de xeito hegeliano. A historia da literatura, como dixeron Bertolt Brecht e Walter Benjamin, é tamén a historia da loita de clases. Non existen espazos fóra do mapa desde os que escribir libremente e exentos de responsabilidade ante  que acontece.
Dicía Zizek en Repetir Lenin, que a saída da Posmodernidade non pode resultar nun regreso aos postulados da Modernidade. Non podemos escribir outra vez novelas de realismo crítico nin obras de teatro épico nin poesía social sen incorrer na repetición, no anacronismo.
Non sabemos dicir nós tampouco que forma exacta terá a literatura que responda aos mandatos de Rimbaud, de Brecht e de Benjamin, pero si estamos seguros de que non poderemos escribir sen tratar de darlles resposta.”