O 24 de setembro tivo lugar en Vigo a primeira mesa redonda, baixo o título Ser ou non ser posmoderno?, do VIII Ciclo Escritores/as na Universidade, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Samuel Solleiro leu este texto, que reproducimos a continuación desde o seu blogue:
Cinismo, ironía e hermenéutica: me cago en Dios e na cona de Cristo
“Como a calquera, fascínanme as cousas escuras e esotéricas. Poñédeme diante unha banda de neonazis e posibelmente cague por min pero non sexa quen de deixalos de mirar. Regaládeme un disco no que a voz estea ecualizada moi baixa e o fondo sonoro sexa unha nota grave de sintetizador e uns pasos sobre a neve e con certeza soará moitas veces na miña casa. Mellor se pode ter unhas runas viquingas na capa, e xa se os membros do grupo poden ser os neonazis de antes, é moi probábel que exacule. Son así. Demasiada televisión, non o sei.
Noutra época, eu tamén fun á universidade. Fun durante moitos anos para facer diferentes cousas. Comecei en 2000: eran tempos de vacas gordas, ou pronto viñeron. A universidade estaba ben porque aprendías moitas cousas. Para persoas coma min, que temos un imán para todo o que supoña un sobreestímulo, era un lugar fabuloso. En 2003 fun vivir a Barcelona, que como sabedes é unha cidade moi moderna, e nalgunhas materias dunha cousa que estudaba eu que se chamaba antropoloxía aparecía por momentos algo chamado posmodernidade, sobre o que normalmente se opinaba pero nunca se definía. O esoterismo do asunto cautivoume moi pronto (mesmo se na miña universidade, é xusto recoñecelo, non se tiña unha enorme confianza nestas cousas). Comecei a ler libros que non entendía moi ben (Vattimo, Lyotard, Baudrillard) e que por sorte daba aproveitado para traballos académicos. Aprendín que a posmodernidade era unha cousa que se explicaba por medio de listas nas que a grandes trazos o primeiro concepto pertencía ao campo semántico da seriedade e a rixidez e o segundo, que era o bo, ao campo semántico da brincadeira e do humor. Todo cousas flexibles, ambiguas, elásticas. Como podía un resistirse a cousas como o rizoma ou a máquina desexante, tan como de Looney Tunes? Non se entendía nada, pero iso era en parte o fascinante e, ante todo, era unha cousa de xente moderna, ou do que eu viña chamando xente moderna e que en realidade era xente posmoderna. Como for, esteticamente todo casaba con todo e eu escribín un libro que se chamou dz ou o libro do esperma no que metín todo o que se me pasou pola cabeza ben mesturado con ocorrencias e sarcasmo porque quería facer literatura posmoderna (pero sen dicilo, que os escritores posmodernos nunca din que o son). Por sorte eu tiña vinte e poucos anos e só era un neno de Tui vido a máis, e como nunca entendera moi ben a Lyotard e todos aqueles señores, o meu proxecto, por esteticista e pedante que fose, trataba de ter un discurso último emancipador. Se fose posmoderno de todo, daríanme moita risa e unha pouca lástima os proxectos emancipadores en xeral. En todo caso o bicho estaba aí, parido.
Hoxe todo se derruba ao noso redor e eu son un señor de máis de trinta anos que sabe que un só pode traballar se vai ao estranxeiro (onde eu mesmo veño de aguantar dous anos) ou asome que lle paguen mal para, no mellor dos casos, ter un traballo dos de traballar, e non dos de ler libros para interpretar o seu posíbel significado. Quero dicir que nos anos da burbulla inmobiliaria eu, que era moi novo para querer ter un piso, vivín nunha auténtica burbulla especulativa de datos e coñecementos. Até comecei unha tese de doutoramento sobre Jean-Luc Godard que madia leva ía ser a nai de todas as teses e que hoxe me fai rir un pouco e chorar outro pouco. Agora só espero que me dean un carné de antigo alumno da universidade ou algo así para poder sacar algunha triste novela da biblioteca. Enfín, estades nunha universidade, así que xa sabedes como está o patio. Pero non me resisto a emparentar a crise do mundo universitario que estamos a vivir coa crise da posmodernidade tamén na literatura, en tanto que ambas crises son, en boa medida, a crise do coñecemento especulativo. Cando un ten fame non pode dicir que todo é ficción. E se moitos teñen fame, o que segue a dicir que todo é ficción, por pouca fame que teña el, é un desgraciado.
Poñamos por caso a ironía. A primeira vista, calquera con dous dedos de frente diría que a ironía é unha forma intelixente de rebelarse contra o poder. E que, en boa lóxica, é máis boa que mala. E porén, chegados a un tempo no que a ironía é a norma, non podemos seguir cegados co relato de que a ironía tamén é a excepción. Se até os anuncios da tele son irónicos é porque estamos nun punto no que a ironía é autosuficiente. Penso que está demostrado que a actitude irónica dá orixe sistematicamente ao cinismo e que este, por moi á moda que estea, é un sentimento como de clases explotadoras (e se non o considerades demostrado, convídovos a ler
revistas posmodernas como
Vice, que por certo é propiedade de Rupert Murdoch desde hai semanas e dubido moito que tal cousa a vaia facer menos corrosiva -ao contrario). O que estou a dicir, parece mentira pero estoullo a plaxiar a David Foster Wallace, o que resulta bastante contraditorio tratándose dun expoñente tan claro de narrador posmoderno, pero o noso tempo é contraditorio. Aparece nun artigo titulado
E unibus pluram: televisión e narrativa americana (incluído
aquí), e di que a ironía é liberadora nunha primeira fase, que vén sendo un desbroce do terreo, por así dicir, pero que despois, como non está deseñada para funcionar construtivamente, acaba sendo a voz dos prisioneiros que chegaron a sentirse cómodos na súa cela. Di Foster Wallace: “Creo que o que a ironía actual acaba por dicir é: ‘Pero mira que
banal é que me preguntes o que penso en realidade’. Quen teña a desfachatez herética de preguntarlle a un ironista o que pensa en realidade acaba parecendo un histérico ou un moralista. E isto é o opresivo da ironía institucionalizada, do rebelde vitorioso: a capacidade de inhabilitar a
pregunta sen que importe o
contido é, na práctica, unha tiranía”. Por iso Foster Wallace salvaba da queima a primeira xeración de posmodernos, como Thomas Pynchon ou William Gaddis, como eu salvaría sen o dubidar as
Apoteoses do churrasco de Suso de Toro. Pero xa. Chegou.
Como for, se ben eu non son ninguén, sería hipócrita deixar isto aquí sen trazar os puntos para unha alternativa. Non propoño volver ao de antes, fose o que fose o de antes. Se unha cousa boa tivo a posmodernidade foi acabar con ideas como a de que a literatura poida servir para
facer algo. Aprendeunos que
todo é ficción, e é a todas luces un exceso, pero podemos reter que polo menos
a ficción é ficción e está ben que así sexa. Así, eu non digo que haxa que adoptar un ton serio á hora de escribir, cousa que ademais segue a ser maioritaria na nosa latitude, senón que hai
outras formas de humor que cumpriría explorar. Outras formas de facer as cousas en xeral sen converternos nuns carcamais nin deixar de incluír smartphones ou redes sociais nas nosas ficcións se no mundo existen smartphones e redes sociais. Hai un ano e pico publiquei un libro que se chamou
Gran tiburón branco. Cando o presentei falei de por que non era ou eu non pensaba que fose un libro posmoderno e recollín iso
nun texto titulado
Contra a interpretación, como o famoso artigo de Susan Sontag. Nese texto eu víñame cagar en Dios e na cona de Cristo verbo da horrorosa teima de sobreinterpretar. É un trazo ben posmoderno que a partir de calquera elemento, da ficción ou non, se tracen cadeas e cadeas de significados probables, posíbeis ou simplemente desexábeis. Hermenéutica, chámase, e na universidade sabedes destas cousas. Pero agora que non hai universidade, ou que non se sabe onde remata a universidade e onde comeza o Banco de Santander, pregunto: que pasaría se as cousas non significasen? Ou se significasen unha soa cousa? Ou se xogásemos a que, aínda que todo poida significar todo, hoxe as cousas significan unha soa cousa, como desde unha perspectiva certamente reaccionaria, insistía Hemingway en que no seu
O vello e o mar non había simbolismo ningún, e o mar era o mar, o vello un vello, o neno un neno e o peixe un peixe? Cantos anos hai que non lemos así (aínda que non sexa polas mesmas razóns que quería Hemingway)? Ou que non escribimos para que nos lean así? Seriamos, en todo caso, menos paranoicos, máis honestos, escribiriamos con máis verbos e menos adxectivos, cantarían os paxaros. Se cadra algunha xente lería libros nosos. Ao mellor até habería unha folga xeral.”