Bases do 10º Premio Biblos-Casa Grande do Bachao de novela 2014

Biblos Clube de Lectores, S. L., co propósito de contribuír ao achegamento e a participación das mozas e mozos na cultura galega, e de descubrir aqueles creadores máis novos que poidan ter unha obra de interese necesitada de apoio para a elaboración final e a súa proxección pública, convoca o 10.º Premio de Creación Literaria Biblos-Casa Grande do Bachao para mozas e mozos, nesta décima edición dirixido á novela, co copatrocinio da Casa Grande do Bachao, e de acordo coas seguintes

BASES

1. Poderán participar neste Premio todas as mozas e mozos que ao rematar o ano 2014 non teñan cumprido os 25 anos e que, con independencia do lugar onde naceran ou residan, amosen o coñecemento do idioma galego necesario para desenvolver nel unha obra narrativa de calidade.
2. Os/as autores/as deberán presentar unha memoria de entre 20 e 30 folios na que incluirán:
a) Unha exposición precisa das características que terá a futura novela, aportando a maior información posible sobre o argumento (trama, época e lugar en que se desenvolve a acción, personaxes, etcétera) e as técnicas narrativas que prevé utilizar.
b) Un capítulo ou fragmento que permita valorar o estilo do autor/a. O/a gañador/a terá liberdade no seu caso para intruducir as modificacións que estime oportunas no proxecto e no texto de mostra e adaptalos ás esixencias da novela no seu desenvolvemento, así como aos consellos que reciba do escritor titor.
3. Cada traballo será presentado co nome e apelidos do autor/a, así como as indicacións necesarias para a súa localización (dirección, teléfono, correo electrónico). Non se admitirán obras baixo pseudónimo nin colectivas.
4. Os traballos serán enviados a Biblos Clube de Lectores. Quintá, 8, Mandaio. 15391 Cesuras (A Coruña).
5. O premio conlevará:
a) Unha escultura conmemorativa deseñada expresamente polo escultor Luís Loureira.
b) A estancia dun mes, incluída a manutención, na Casa Grande do Bachao, un lugar singular que reúne inmellorables condicións para que, se o escritor/a o desexa, desenvolva a última fase do seu proxecto.
c) Un ordenador portátil que, unha vez concluída a obra, quedará da súa propiedade.
d) A tutela dun escritor ou escritora de renome, designado pola organización, que asesorará ao gañador/a en xuntanzas periódicas durante ese mes.
e) A publicación do libro en galego, coa percepción dos correspondentes dereitos de autor.
6. A admisión dos traballos pecharase o 18 de marzo do 2014.
7. Un xurado integrado por persoas de acreditada valía seleccionará os traballos finalistas que serán dados a coñecer a semana previa á do Día das Letras Galegas.
8. As/os autoras/es finalistas deberán presentar antes do 13 de xuño do 2014 as súas novelas cunha extensión non superior aos 150 folios no estado máis avanzado posible de acabado.
9. O xurado elixirá a obra gañadora, que dará a coñecer a semana previa á do Día da Patria Galega.
10. O/a autor/a gañador/a dedicará o tempo que vai dende o fallo do premio ata dinais de novembro a traballar na súa novela, seguindo un plan que acordará co titor.
11. O/a autor gañador/a comprométese a entregar a novela totalmente finalizada antes de rematar o ano 2014 para a súa publicación por Biblos.
12. Os outros autores/as finalistas recibirán como premio unha fin de semana para dúas persoas en habitación dobre na Casa Grande do Bachao.
13. A presentación ao Premio dentro do prazo indicado leva implícito o compromiso do autor/a de non retirar o seu orixinal antes de facerse público o fallo do xurado. Asimesmo, o autor/a garante que deica o momento do devandito fallo, a obra non concorrerá a ningún outro premio ou concurso.
14. Co obxectivo de acadar a maior difusión do premio, o/a autor/a comprometerase activa e persoalmente na promoción que Biblos estime necesaria da obra gañadora.
15. Biblos contempla a posibilidade de chegar a acordos cos autores/as das obras finalistas para a súa publicación.
16. Cada autor comprométese a subscribir cantos documentos sexan precisos para que a edición da súa obra sexa inscrita no Rexistro da Propiedade Intelectual.
17. Os orixinais presentados na primeira fase que non estean entre os finalistas, serán destruídos.
18. A participación neste premio conleva a aceptación das súas bases e da interpretación de Biblos en cantos puntos non se recollan explícitamente nelas.
19. Para calquera diferenza que deba ser dirimida por vía xudicial, as partes renuncian ao fuero propio e sométense expresamente aos Xulgados e Tribunais da cidade da Coruña.”