Xavier Queipo: “Traducir o Ulises é unha homenaxe á Xeración Nós”

Entrevista de Carme Vidal a Xavier Queipo en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que supón para un escritor enfrentarse ao reto da tradución do Ulises de Joyce?
– Xavier Queipo (XQ): Traducir é un exercicio saudábel para calquera escritor. Axuda a espeluxar os labirintos internos da escrita. Axuda tamén a procurar opcións na propia lingua, a explorar camiños non transitados. Neste sentido é recomendábel para a formación de calquera escritor.
Constitúe, sen lugar a dúbidas un reto, mais un reto que non pode senón implicar unha maduración no xeito propio de escribir. No caso de Joyce, e do Ulysses en particular o reto é maior, considerando a complexidade formal do texto. (…)
– SG: Por que un narrador, alén de tradutor, decide asumir o traballo titánico da tradución dunha novela de tal envergadura? Canto tempo lle leva dedicado á tradución?
– XQ: Cando Víctor Freixanes falou do asunto, hai agora máis dunha década, con ocasión dunha visita a Bruxelas en novembro de 2002, eu dixen que precisaba pensalo uns días; pois o susto foi grande. Eu só non me atrevía, por non me considerar nin coas forzas nin cos coñecementos necesarios para afrontar a tradución en solitario. Antón Viale entrou deseguido no xogo. Despois decidimos pedir a axuda dunha terceira persoa, Eva Almazán, que xa traballaba para Galaxia e tiña sobrada reputación. María Alonso Seisdedos entrou no proxecto na súa fase final, coido que a finais de 2011, e foi de gran axuda para pór os borradores en orde e dar o impulso necesario para dar rematado o choio, que logo de certas dúbidas tanto no eido económico como no feito da negativa dos herdeiros de Joyce a autorizar a publicación, ficara en punto morto alá polo 2006.
Lembro un día no inicio do verán, sendo eu moi neno, paseando por Compostela, o meu pai sinalou a un tipo de aparencia gris e entrado en carnes, e dixo, nunha mestura de respecto e admiración: ese señor é Otero Pedraio. Daquela non entendín o por qué da admiración. Pasados os anos, cheguei a comprender e partillar o respecto e sentín que tiña unha débeda dupla: co meu pai, por descontado, e con Otero e toda a súa xeración de resistentes. Ou sexa, que cando Víctor propuxo o reto, unha luz prendeu nos labirintos da memoria e non puiden dicir que non. Esa é a explicación final, teorías aparte; o demais é conversa. (…)
– SG: Que supón, ao seu ver, que unha novela que está considerada iniciadora da narrativa moderna chegue agora a nosa lingua arredor de noventa anos despois da súa publicación?
– XQ: A importancia é dupla. Por unha banda poñemos a disposición dos lectores en galego unha obra de importancia capital da narrativa do século XX. Por outra, constitúe unha homenaxe a Xeración Nós e a Otero en particular, pola súa modernidade e afouteza, polo seu valioso legado. Pode verse como unha obriga xeracional, recollendo o facho que eles nos deixaran, e seguir así na carreira de dignificar a nosa lingua, de espallar o noso coñecemento, de normalizar o uso do galego, en definitiva, de aceptar que somos quen nós somos. (…)”