Conclusións da Asemblea da Federación Galeusca 2013

“Reunidos en Pontevedra os días 25, 26 e 27 de outubro de 2013 os membros da Federación Galeusca en torno ao tema A literatura infantil e xuvenil. Propostas de futuro e adecuación a novos formatos, manifestamos:

1. A necesidade de continuar a apostar pola creación dunha literatura infantil e xuvenil que sexa viva, visibilizadora, cohesionadora, formadora de valores, superadora de estereotipos e prexuízos, arraigada no imaxinario propio e na expresión lingüística dos nosos respectivos territorios, que axude a interconectarnos con outras culturas. Escribimos para continuar soñando e colaborando na transformación da realidade desde a procura de alternativas liberadoras que axuden a articular e reforzar a comunidade.
2. A importancia que ten a formación de novos lectores e lectoras e novos creadores e creadoras, tanto a través da escola como, de xeito cooperativo, desde todos os ámbitos de socialización posíbeis e para iso aproveitaremos as plataformas e medios existentes, como os obradoiros de expresión escrita, clubes de lectura, actividades interdisciplinares, redes sociais especializadas, blogues… e todos os soportes susceptibles de uso, tanto os tradicionais como os máis novidosos desde o punto de vista tecnolóxico.
3. A nosa consciencia das alertas e ameazas da barbarie negadora e desposuidora dos valores que acosan as nosas literaturas; despois de debater e compartir reflexións sobre as distintas problemáticas, constatamos e renovamos o compromiso ilusionante de continuar co noso labor creador a nivel individual e como colectivo interrelacionado cos outros sectores culturais e sociais.
4. Ademais, reafirmámonos nos contidos do comunicado da Federación Galeusca contra a LOMCE do pasado mes de marzo, unha lei que resta estatus educativo aos nosos idiomas propios e oficiais, símbolos identitarios das nosas nacións e instrumentos de traballo para as persoas que creamos corpus literario nas súas diferentes manifestacións. O seu carácter regresivo e recentralizador é visible nos decretos que se están aplicando en Galicia, País Valenciá e Illas Balears, con cuxas mobilizacións nos solidarizamos.
5. Finalmente, ante a tramitación dunha nova reforma da Lei de Propiedade Intelectual, reiteramos a nosa preocupación ante os novos recortes aos dereitos de autor/a e os intentos de laminación das entidades de xestión e, en especial, da que nos aglutina e defende como é CEDRO, cuxa continuidade se ve seriamente afectada.”

Na sesión do Encontro do sábado 26 fíxose patente a atención que escritoras e escritores prestan aos novos formatos que as novas tecnoloxías achegan á literatura. Os comentarios bascularon entre a necesidade de non perder de vista que a literatura como linguaxe artística debe ser preservada para poder acoller as contribucións que desde outras linguaxes e formatos dixitais poidan vir a incorporarse, e a constatación de que a literatura debe estar preparada para mudanzas de fondo.
Valorouse como necesaria a incorporación dos imaxinarios propios á creación literaria.
Na mesa de poesía os asistentes coincidiron en que é preciso achegala aos lectores e lectoras novas desde novas perspectivas, concluíndo que o poeta ten que aproximarse a eles a través de obradoiros e recitais. Neste xénero literario constatouse a existencia dunha poesía infantil, mentres que se puxo en cuestión o concepto de poesía xuvenil, na medida en que este público responde a perfís lectores con experiencias moi diversas.
No ámbito teatral remarcouse que este xénero fai patente a utilidade da literatura como instrumento que debe ser posto a disposición do público infanto-xuvenil, tanto a nivel da creación como de posta en escena tendo como único obxectivo final chegar ao coñecemento do propio corpo, voz e idioma. Insistiuse en que a mocidade debe ser protagonista do teatro para poder ser lectora e espectadora do mesmo cando adulta.
Fina Casalderrey e Xosé Vázquez Pintor, guiaron as delegacións galega, vasca e catalá, así como ao resto das persoas que acudiron ao Encontro, nun paseo literario por Pontevedra.
Foi unha xornada de intercambio das experiencias que nos últimos anos se están levando adiante en Galicia, Cataluña e Euscadi, e na que se impuxo o optimismo no futuro da creación.
Os textos completos das mesas redondas pódense descargar aquí: Conxunto-textos-encontro-galeusca-2013.

A Casa das Campás acolleu o domingo 27 a Asemblea da Federación Galeusca, da que saíron as conclusións do Encontro.
Anxos Riveiro, Concelleira de Cultura de Pontevedra, agradeceu a presenza da Federación na cidade e felicitouna pola profundidade das reflexións achegadas, de proveito para o futuro da Literatura Infanto-Xuvenil.