Entrevista a Mercedes Queixas en La Voz de Galicia:
“Ademais de filóloga, investigadora e profesora -imparte clases no colexio Xosé Pichel de Coristanco- Mercedes Queixas Zas (A Coruña, 1968) é secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
– La Voz de Galicia (LVG): ¿Que ten de particular a web da AELG?
– Mercedes Queixas (MQ): É unha páxina moi potente e hoxe en día é o maior centro de documentación e de coñecemento sobre os escritores e escritoras actuais. É unha ágora, unha porta de entrada á súa vida e á súa obra que conta con máis de 420 socios e socias, a inmensa maioría da xente que está a crear na literatura galega.
– LVG: ¿Superouse xa o receo dalgúns escritores cara Internet?
– MQ: Eu penso que todo pode convivir. De feito segue a haber unha produción dinámica en papel, pero ao mesmo tempo os autores e autoras xa se están incorporando ás edicións dixitais. Estamos dando mostras de vivir canda o tempo actual e de buscar plataformas para achegarnos a todo tipo de públicos, porque haberá lectores que preferirán sentir o papel e outros que prefiran manexarse noutro soporte. A literatura non ten barreiras de seu e non imos ser nós os que llas poñamos.
– LVG: ¿E no seu caso é dos que prefiren o papel ou emprega o ordenador a cotío?
– MQ: Eu tiven o meu tempo de transición porque son gutemberiana, unha recén chegada ás novas tecnoloxías; non son diso que xa se chama nativo dixital, pero moi recentemente me decatei de que cada vez emprego menos o papel, polo menos para unha escrita máis elaborada. Aínda o preciso para tomar notas, para recoller ideas que xorden no tempo menos pensado e no lugar menos acaído, pero cando xa me dispoño a elaborar iso fágoo directamente sobre o teclado.
– LVG: ¿En que está a traballar agora?
– MQ: Estou elaborando unha nova historia xeral da literatura galega. Será nun formato divulgativo para intentar que calquera persoa, independentemente da súa formación se achegue a unha literatura que leva en activo desde finais do século XII, que tivo épocas brillantísimas así como outras de sombras provocadas sempre por axentes externos, e que agora segue a dar unhas mostras de vitalidade, de forza, de capacidade de creación e renovación que a min non deixa de abraiarme.”