Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xabier P. DoCampo:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A facilidade coa que me entusiasmo cos proxectos novos.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A lealdade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Correspondencia no amor e na lealdade.
4.– A súa principal eiva?
– Teño un xenio do demo.
5.– A súa ocupación favorita?
-Ler, o cinema… E calquera traballo que se faga coas mans.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A felicidade dos meus.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A perda do amor dos meus.
8.– Que lle gustaría ser?
– Director de orquestra.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste sempre, e mellor sendo a nación dona de si.
10.– A súa cor favorita?
– A vermella?
11.– A flor que máis lle gusta?
– A chorima ou a queiroga cando pintan de amarelo e de púrpura a aba dos montes.
12.– O paxaro que prefire?
– A laverca cando, na planta das patacas, cantaba, case inmóbil, aló no máis alto do ceo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Cunqueiro, Stevenson…
14.– E na poesía?
– Cunqueiro, Pimentel, Díaz Castro, Tovar…
15.- Un libro?
– A illa do tesouro, Merlín e familia…
16.– Un heroe de ficción?
– John Silver.
17.– Unha heroína?
– Sherezade.
18.– A súa música favorita?
– A clásica, o jazz… e todas as cantoras e cantores galegos.
19.– Na pintura?
– Caravaggio, Velázquez, Picasso, Magritte, Renoir…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera home ou muller que se repoña fronte á adversidade.
21.– O seu nome favorito?
– María.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A soberbia.
23.– O que máis odia?
– A humillación do débil e a cobiza dos poderosos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Todos aqueles que fixeron e fan que un pobre pase fame para que un rico viva mellor.
25.– Un feito militar que admire?
– Sierra Maestra.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Habelencia para a música e tocar o piano.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Mirando a morte cos ollos abertos.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Cambiante.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A nugalla e a indulxencia que dita o amor.
30.– Un lema na súa vida?
– Non fagas mal a ninguén (que me dicía meu pai).”