Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a María do Carme Kruckenberg:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Calar até poder dicir todo o que teño dentro.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Pouco e moito.
4.– A súa principal eiva?
– A falta de paciencia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Que sexa soportábel a vida.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– O que me está pasando que me impide vivir en liberdade.
8.– Que lle gustaría ser?
– A razón.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha aldea de Galiza, nun bosque pequeno e verde onde vivir Galiza plenamente.
10.– A súa cor favorita?
– O azul forte propio dos mariñeiros.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa da cor do viño tinto.
12.– O paxaro que prefire?
– O reiseñor.
13.– A súa devoción na prosa?
– Os escritores que acompañaron o tempo da xeración do 27.
14.– E na poesía?
– A xeración do 27.
15. Un libro?
– A poesía de Federico García-Lorca.
16.– Un heroe de ficción?
– Ningún.
17.– Unha heroína?
– Ningunha.
18.– A súa música favorita?
– Primeiro Bach e despois o jazz.
19.– Na pintura?
– Velázquez.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Calquera ser decente e de verdade.
21.– O seu nome favorito?
– Rosalía.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A mentira.
23.– O que máis odia?
– A mentira mal intencionada que vai deixando a xente ao pé da escaleira.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O de conseguir superar a preguiza.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo coma a miña avoa.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A tristura.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Ningún.
30.– Un lema na súa vida?
– Vivir a pesar de.
* O meu agradecemento a Mercedes Queixas pola xenerosa colaboración prestada.”