México: actividades de Elena Gallego na Feira Internacional do Libro

Información enviada por Elena Gallego:
“A triloxía Dragal foi a gran protagonista destes encontros con lectores, na Preparatoria Regional de Arandas e Líderes del Siglo (situada no coñecido Cerro del Cuatro). A maxia do dragón serviu de ponte para achegar a cultura galega aos rapaces e rapazas destes centros de ensino secundario e para lembrar as nosas orixes comúns (O actual estado de Jalisco foi denominado Reino da Nova Galicia e a súa capital, hoxe Guadalajara, foi fundada co nome de Santiago de Compostela. Coma nós, na mitoloxía local de Jalisco tamén teñen dragóns).
A FIL é unha festa que conta cunha gran implicación da comunidade educativa da rexión. Trátase dun grande acontecemento para profesores e alumnos. Nestes encontros falamos do dragón galego, falamos de Galicia… Pero sobre todo da importancia que ten a lectura para descubrir outros mundos e achegar as nosas culturas. (…)
A presenza da triloxía Dragal (Xerais) no stand de Galicia acadou unha notable atención dos medios de comunicación locais. Unha mostra do interese que xerou a presenza de Dragal na FIL (este ano asistimos 656 autores de 28 países e 22 idiomas) foi o eco que tivo en diversos medios de Guadalajara,como o xornal El Informador ou o diario Mural.