Entrevista de Ramón Nicolás a Rosa Aneiros en Qué Leer, desde o seu blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Resistencia foi unha novela moi reeditada. Confiaba no feliz percorrido que gozou e goza este libro?
– Rosa Aneiros (RA): Era a primeira vez que escribía unha novela de adultos e bastante esforzo foi aprender a construíla como para imaxinar o eco que traería consigo. Se o chego a saber, talvez me tería condicionado máis a súa escritura pero foi algo espontáneo e por iso o resultado tan gratificante.
– RN: Intérnase agora, de novo, no ámbito da literatura xuvenil: un xénero no que se sente cómoda?
– RA: Os mozos son un público agradecido, xeneroso e entusiasta que vive cada historia coma se fose a última. Están nunha fase da vida en que todo resulta un descubrimento e esa alegría de vivir contáxiana ás lecturas polo que creo que as miñas obras son máis grandes cando eles as len. Unha tamén busca egoistamente a beleza das súas obras e, a través das súas lecturas, estas crecen e supéranse a si mesmas. Claro que ese é mérito seu como público e non meu como autora.
– RN: Ámote Leo A. é o primeiro volume dunha triloxía para novos lectores. Que significa o proxecto para vostede e por que esta estrutura?
– RA: Cada proxecto literario supón un reto para min. Neste caso, quixen construír unha triloxía na que teñen especial peso os diálogos, as viaxes, as redes sociais e as aventuras. Trátase dunha especie de road movie marcada polo optimismo e pola necesidade de loitar para conseguir os teus soños. A medida que a protagonista, Leo, devora quilómetros descubrimos como afronta as vicisitudes da viaxe máis fascinante da vida: ao interior de si mesma. E todo iso pasando por Istanbul, Venecia, Bos Aires, París, O Cairo, Ushuaia… (…)”