Cuestionario Proust: Xabier López

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xabier López:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Unha (non de todo certa) acusada seriedade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Lealdade.
4.– A súa principal eiva?
– O moito que me poden obsesionar determinados asuntos.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ler e escribir sen horarios (e coa familia preto).
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a miña familia.
8.– Que lle gustaría ser?
– Pois un escritor mellor do que son.
9.– En que país desexaría vivir?
– En calquera no que poidamos falar dunha democracia avanzada e dun verdadeiro estado de benestar. O clima importa menos.
10.– A súa cor favorita?
– A do monte no outono.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O caravel, sen dúbida.
12.– O paxaro que prefire?
– O bexato, por nacer del o alcume dunha póla familiar.
13.– A súa devoción na prosa?
– Sumo demasiadas como para non desbaratar este cuestionario.
14.– E na poesía?
– Estou moi anticuado ao respecto: Pablo Neruda?
15.– Un libro?
– Por moito que pasen os anos e as lecturas, Der Zauberberg, A montaña máxica, de Thomas Mann.
16.– Un heroe de ficción?
– Non baixo da montaña: Hans Castorp.
17.– Unha heroína?
– Sigo aí arriba: Clawdia Chauchat.
18.– A súa música favorita?
– O pop-rock ben entendido (nada de radio-fórmula).
19.– Na pintura?
– Non entendo demasiado de pintura. Maruja Mallo está ben.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Xa non creo nos heroes (ou heroínas) da vida real.
21.– O seu nome favorito?
– O dos meus fillos.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Facer ruído cando non toca.
23.– O que máis odia?
– O desprezo á intelixencia (propia e allea) dalgúns actores políticos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hai demasiados tiranos, déspotas e iluminados como para que poida quedar cun só.
25.– Un feito militar que admire?
– Non admiro nada que teña relación co militar.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Poder voar ( e non ter medo ás alturas).
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Se non soase demasiado mal, diría que entre a euforia e o abatemento.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que non se poden evitar.
30.– Un lema na súa vida?
– A versión de andar por casa do imperativo categórico kantiano: “non lle fagas aos demais o que non queres que che fagan”.”