Entrevista de Montse Dopico a Xabier López en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Comeza o libro [Cadeas] cun encontro entre un escritor e unha lectora, que irá evolucionando dun xeito que os personaxes non agardaban ao principio. Por que escolliches esta historia como fío condutor?
– Xabier López (XL): Ao formular unha proposta que ten como eixes máis ou menos difusos ás identidades/colisións entre vida, narración(s) e literatura, tiña bastante claro que o fío vertebral debía reflexionar sobre a relación entre o escritor-creador e o lector como destinatario da súa creación (e mesmo, e velaquí o máis interesante, como unha creación máis do primeiro). Confesémolo ou non, non coñezo ao primeiro escritor que non estea tentado a facer coma Dióxenes de Sínope, o filósofo cínico, e no canto de saír na busca do “Home”, ben armado cun candil, percorrer rúas e prazas na busca do “Lector”: “Sabedes del? Víchedelo? U-lo?”. Os escritores non só se dedican –e isto pode xerar ás veces certas escravitudes- a buscar “o tempo perdido”; ás veces pasan tempo de máis intentando compracer un fantasma… Dende certo punto de vista, e isto non deixa de ter a súa graza, a escrita non deixa de ser unha especie de tiro ao branco cos ollos pechos…
– MD: Volves, tamén, como en libros teus anteriores, á historia. En relatos que van máis alá da narración de aventuras (por exemplo), para apuntar a cuestións fundamentais da historia como as guerras coloniais, a memoria das vítimas do franquismo… Canto hai de documentación nestes relatos? Que ollada quixeches ofrecer neste libro sobre a memoria?
– XL: “Documentación”, o que podemos entender por “documentación”, a necesaria para salvar as esixencias mínimas de verosimilitude que esixe toda creación literaria (e non só a “histórica”). Porén, e creo que aquí reside boa parte do espírito lúdico de Cadeas, toda a erudición, poderíamos chamala así, se atopa ao servizo da narración: na novela podemos encontrar feitos completamente ficticios con aparencia de ser “históricos” e sucesos con aparencia ficticia que son completamente reais. Se poñemos isto último en relación coa túa pregunta sobre a memoria… A memoria, aínda que a concibimos doutra maneira, é sempre parcial, particular, poliédrica… Podemos –e debemos- configurar un relato máis ou menos aceptado por todos ou, cando menos, polo meirande número, mais a verdade é que penso que a filosofía do “coma se” de Hans Vahingir podería aportar, aínda hoxe en día, algunhas reflexións interesantes: o home é incapaz de coñecer a realidade e limítase a comportarse “coma se” o fixese; comportámonos coma se o mundo (pasado, presente e futuro) se correspondese co modelo que del nos fixemos. (…)”