Entrevista de Montse Dopico a Anxos Sumai en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Hai en A lúa da colleita unha volta ao lugar da adolescencia, do mesmo xeito que en Así nacen as baleas hai un regreso ao lugar da infancia, aínda que por motivos distintos. Non creo que esa coincidencia sexa casualidade. Cal é o seu motivo?
– Anxos Sumai (AX): A min acontéceme que o que escribo desvela sempre algo do que eu non son completamente consciente e A lúa da colleita estame a sorprender coas múltiples lectura que ten. Esta que propós é nova tamén para min, non pensara niso. De todas formas, se volvo a esas épocas da vida é porque as personaxes ou a historia que estou narrando o precisan. Esta novela parte dun estraño acontecemento que viviu a protagonista, Nuria, cando era adolescente, que foi sen dúbida o desencadeante da súa persoal percepción sensorial e que nunca se chega a explicar: ese momento campa sobre toda a novela como un enigma máis, dos moitos que ocupan a Nuria. Hai outros personaxes, como Happy, que fala conscientemente da súa nenez, do difícil que lle resultou aceptarse como unha muller. Tamén Lois remexe un pouco na infancia, nunha imaxe luminosa de cando se sentiu músico por vez primeira. Pero só Nuria, Happy e Bet retroceden a eses momentos.
A infancia e a adolescencia, polas descubertas e os conflitos, son sempre lugares fascinantes para min como narradora. Da miña experiencia deses tempos consigo extraer case todo o que preciso para crear, como se metese a man e arrincase unha presada de arxila que podo moldear segundo me conveña. (…)
– MD: Por certo, que non sei se é que só tes publicados os libros que levaron premios, ou que efectivamente libro que escribes libro que premian. Creo que escribiches sempre: en revistas, libros colectivos, para comics, discos… Saberías explicar de onde che vén esa paixón?
– AS: Non, non todo o que escribín foi premiado. Tampouco me presento a premios, simplemente porque non teño obras que presentar. Só escribín dúas novelas e si, enviei unha ao Repsol e a outra ao García Barros e premiáronas.
É certo que aínda que publique pouco, sempre escribín. Quixen pintar, quixen compoñer cancións pero era malísima. Na literatura sempre conseguín desenvolverme ben. Dende nena, quedei atrapada nese poder de evocación que ten a palabra: medrei nunha aldea antes da chegada da televisión e as horas distráianse contando contos. Fascinábanme aqueles contos que contaban as mulleres e os homes que viñan pola casa do meu avó cando había que cocer o pan, esfollar o millo, facer a caña… Foron unha grandísima escola para min como escritora. Ogallá chegase a conseguir narrar coa tensión que conseguía crear en min aquela xente e que me aguilloaba a imaxinación. (…)”