Cuestionario Proust: Ramón Caride

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Ramón Caride:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– En canto ao meu traballo de escritor, a insistencia. Case nunca abandono unha idea interesante, aínda que ás veces tarde anos en levala ao papel.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Hai xente que fala moito e non di nada. Saber escoitar é moi importante.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sigan sendo os meus amigos, pero non é de balde. A amizade hai que coidala.
4.– A súa principal eiva?
– Non son quen de falar dos meus defectos en público.
5.– A súa ocupación favorita?
– Depende da estación do ano, ou da hora. Estes días, a de escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Saúde, traballo e sorte, nesa orde, para a miña familia.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Supoño que a máis inesperada.
8.– Que lle gustaría ser?
– Cando era pequeno, astronauta. Pero levo moitos anos sen pensalo. Son o que son.
9.– En que país desexaría vivir?
– Todos teñen o seu… bo e malo. Mellor viaxar o máis que se poida.
10.– A súa cor favorita?
– Depende de para que.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Calquera que teña aroma, e non sexa artificial.
12.– O paxaro que prefire?
– Calquera que me cante de boa mañá.
13.– A súa devoción na prosa?
– Teño libros, non devocións. As devocións, non son os santos favoritos?
14.– E na poesía?
– Véxase a anterior.
15.- Un libro?
– O que estou escribindo. Non poño o título porque dá mala sorte.
16.– Un heroe de ficción?
– Douche tres de cómic, para levar a contra: Hellboy, Daredevil, Batman.
17.– Unha heroína?
– A raíña de Saba.
18.– A súa música favorita?
– O rock dos anos setenta.
19.– Na pintura?
– Toda, do realismo para diante. Ou para tras. O realismo non.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera nai de familia, coa que está caíndo.
21.– O seu nome favorito?
– Sara e Uxía, son as miñas fillas
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A fachenda desmesurada, os que van para estatua e/ou académico/a.
23.– O que máis odia?
– Véxase a anterior, sempre no terreo artístico.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Nunca me parei a pensalo. Pero agora que o dis hai moitas. Non caberían.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún, estou vacinado (fixen a mili).
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O da música, entre outros.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De ningunha. Pero se me apuras, sen dor, e rápido. Como a case todos.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A que hora?
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Non son moralista, en xeral. Cando algo me cabrea, cabréame.
30.– Un lema na súa vida?
– Nunca te fies dos cuestionarios. Nin dos consellos, tampouco deste.”