Antón Riveiro Coello: “A miña literatura está moi apegada á terra que habito e aos territorios da infancia”

Entrevista de Montse Dopico a Antón Riveiro Coello en Magazine Cultural Galego:
“Naufraxios afectivos habitan Acordes náufragos (Galaxia), o último libro de Antón Riveiro Coello. Case todos erguidos sobre a base de historias de amor. O autor de Laura no deserto volve nesta obra ao relato, aínda que anuncia xa que está a preparar unha nova novela, ambientada na actualidade e relacionada coas ilusións rotas das xeracións máis novas. Falamos con el.
– Montse Dopico (MD): Xa contas no libro que son relatos de distintas épocas, ligados ao mar e ao amor. Por que reunilos nun libro?
– Antón Riveiro Coello (ARC): A idea primeira era recuperar A canción de Sálvora, unha noveliña curta que tivera certo éxito cando saíra publicada na colección Relatos Históricos da desaparecida editorial A Nosa Terra. Pero despois, mentres botaba a ollada atrás e repasaba moitos dos relatos publicados en diferentes formatos durante os últimos vinte anos, decateime de que había case unha ducia deles nos que se daban certas complicidades, non só temáticas e de estilo. E por iso decidín darlles unha volta e recuperar aqueles que, baixo o meu punto de vista, tiñan máis calidade e podían formar parte dun conxunto no que se daban diversas constantes como o fantástico, o amor, o naufraxio ou a música.
– MD: Trátase de relatos fantásticos, que non deixan de ter, algúns, unha base histórica. En realidade, isto é algo que fixeches moito nas túas obras anteriores. Pero desta volta decántaste máis pola fantasía. Era, se cadra, necesario para ti, como autor, tras o proxecto de Laura no deserto?
– ARC: Laura no deserto foi posterior a todos estes relatos e, aínda que a base histórica adoita estar presente tanto nas miñas novelas coma nos relatos curtos, sospeito que en min cohabitan dous escritores, un máis realista que se ocupa das distancias longas e outro máis fantástico que opta polas curtas. De feito, se repaso a miña narrativa curta o tema fantástico preside os máis dos relatos. E isto coido que se debe a que, para min, o relato é o mellor instrumento co que podemos afrontar o fantástico. Manter esas pautas nunha novela para adultos é dende logo un reto moi difícil, por non dicir case imposible. Non obstante, co relato hai como un pacto co lector e, nesta medida, máis aceptada, pódese crear unha visión nova sobre os obxectos cotiáns e ofrecer un mecanismo para converter en realidades palpables os pequenos misterios das cousas. (…)”