Xabier P. DoCampo: “O único que non serve para nada é non saber nada. Somos seres chamados a coñecer”

Entrevista de Montse Dopico a Xabier P. DoCampo en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): [A illa de todas as illas] É un libro de libros. Unha homenaxe aos libros de aventuras que máis che gustaron…
– Xabier P. DoCampo (XPD): Si, é esas dúas cousas. O tema do libro é a lectura: o que a lectura fai de nós. E o libro é tamén un tributo aos libros que nos fixeron lectores. Libros de aventuras, libros sobre a soidade do ser humano, sobre as illas como lugares que nos acollen cando queremos estar sós, ou das que escapar cando non queremos estar sós. Illas que nos protexen de que outros entren, e ao mesmo tempo nos condenan a non poder saír… Primeiro foi un conto, no que xa saían Robinson Crusoe e A illa do Tesouro. Pois A illa do Tesouro é a novela da miña vida, a que me fixo lector.
– MD: Só con algúns dos personaxes se aclara que proceden de libros. O resto van aparecendo e só ao final nos explicas a que novelas pertencen. Con todo detalle. Para convidarnos a lelas, supoño.
– XPD: É iso, si. Quero mellor que se lean as novelas das que falo que a miña! O libro vai dando pistas de que son personaxes doutros libros. E os propios rapaces descobren rápido que parte deles son da historia de Robinson Crusoe. Do que non son conscientes é de que eses personaxes cos que se van encontrando os van conducindo ao embarcadoiro, que é onde queren ir. E iso é así porque iso é o que é a lectura. Unha guía que nos leva, sen que nos decatemos. A razón de ser da literatura infantil e xuvenil, -e o que vos obriga ás persoas que facedes crítica a ser moi esixentes coa calidade da literatura infantil e xuvenil-, é que forma lectores. É un dos camiños de formación para todo lector. E digo isto sen entrar no tema dos complexos de se é literatura menor ou non, se é visible ou non: iso aquí dáme igual. Non hai bo lector que non teña que pasar pola literatura infantil e xuvenil. Ademais, todo libro nas mans dun neno ou dun adolescente convértese en literatura infantil ou xuvenil. Cando me din que hai libros que non son axeitados para eles porque non os entenden eu pregunto: e logo ti si o entendiches? Ou cada vez que o les enténdelo mellor? Acaban de facer unha tradución do Ulises, que é un libro que, para lelo, tes que ter moitas lecturas previas, e que vas entendendo a medida que o les… (…)”