Entrevista a Francisco Castro en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Despois de 25 anos e 20 libros publicados, que valoración fai da súa evolución como escritor?
– Francisco Castro (FC): Considérome un escritor na pescuda constante do seu propio estilo, dunha voz autoral forte e singular. E coido que iso si o conseguín. É unha marca da casa xa a maneira de enfocar o relato. Outra das miñas preocupacións era amosar a realidade social do meu tempo cun punto de vista crítico, non só para expresar a miña opinión sobre os grandes temas senón para aproveitar a literatura para sacudir conciencias. Se unha parte dos meus lectores, logo de ler un libro meu, mira as cousas que o arrodean doutro xeito, se lle serve o que escribo para reflexionar, penso que acadei o obxectivo.
– B: Especialmente durante os primeiros anos de carreira, notábase o cambio de xénero en cada novo proxecto: relato histórico, erótico, de costumes…
– FC: Odio escribir sempre o mesmo. Respecto aqueles autores que din que sempre escriben o mesmo libro pero eu non podería. Coido que ese desexo de tocar diferentes xéneros ten a ver co meu propio perfil como lector. Na miña vida coñecín xente que tiña afección pola novela negra ou polos libros de viaxes ou polas historias de ciencia-ficción… Eu leo de todo e máis que lería se puidese. Gústanme unha morea de autores e temas. Pásame coma na música. A pesar de ter uns gustos moi marcados logo póñome a escoitar o último éxito dos “40″ e acábame encantando. Quero publicar poesía e teatro e novelas de ciencia-ficción. Porque para min cada novo proxecto é unha oportunidade de empezar desde cero e para alguén coma min, que entende a literatura como pracer, non hai nada mellor. Desfruto con intensidade explorar roteiros diferentes.
– B: Un escritor sempre necesita un motor que o sente diante da páxina en branco. Cales foron as súas referencias motrices?
– FC: As miñas principais referencias literarias son John Lennon e Paul McCartney. Non adoita quedar ben recoñecer que para alguén que fai literatura non sexa a literatura universal a súa primeira fonte pero debo ser sincero: para min hai máis altura poética na letra de Lucy in the Sky with Diamonds ca na Divina Comedia de Dante. Xunta aos Beatles coloco a Bob Dylan, o rock‘n’roll e a música da década do 1960 en xeral. Hai que pensar que cando eu era adolescente as miñas arelas creativas dividíanse entre as letras e a música. Por fortuna para os oídos da poboación en xeral decidinme polo primeiro. E nesa escolla recoñezo dous grandes intres: a descuberta de Jorge Luis Borges e de Celso Emilio Ferreiro cando tiña 18 anos. Celso Emilio segue a ser hoxe unha voz única. Ao contrario do que ocorre maioritariamente, a min interésame moito máis a súa poesía amorosa ca a poesía social. Tamén estou moi influído polos tebeos de Mortadelo y Filemón e pola televisión. Penso que a xente da miña xeración foi a primeira que pasou moitas horas diante da tele e iso nótase no xeito de narrar. (…)”