Desde Sermos Galiza:
“Os temporais dos últimos meses contribuíron mais pouco traballo tiñan xa para botar abaixo boa parte das ruínas do que fora a casa natal de Carvalho Calero, un inmóbel que fora no seu momento mercado polo Concello de Ferrol. A medianeira derrubouse por completo a primeira hora da segunda feira e mesmo houbo que cortar o tráfico na rúa San Francisco, deixando a estrutura da casa nunha situación crítica á espera de informes técnicos que decidan se compre demoler ou aínda se pode soster o esqueleto da vivenda na que viu a luz o escritor no barrio de Ferrol Vello.
A Fundaçom Artábria denunciou o desleixo das institucións diante dun derrube que fora amplamente anunciado, coa casa cada vez máis en ruínas e caendo aos poucos. Desde os comezos dos anos 90, Artábria vén homenaxeando a Ricardo Carvalho Calero diante da súa casa natal, aproveitando para reclamar que se implicasen na restauracións o edificio.
O concello mercou o edificio por 350.000 euros mais nunca se levou a cabo a súa restauración. “A falta de continuidade na iniciativa de recuperaçom desse pedaço do nosso património levou a que agora, quando havia mais 168 mil euros comprometidos para umha atuaçom inicial que nom chegava, o edifício tenha colapsado polo efeito do mau tempo e do seu estado ruinoso”, sinalan desde Artábria. (…)”
A foto é da Fundaçom Artábria.