Dez anos sen Luísa Villalta

Desde Sermos Galiza:
“No ámbito literario, social e político, Luísa Villalta implicaba o seu nome en causas que reclamaban a xustiza e a igualdade, de maneira singular, aquelas que defendían os nosos dereitos culturais e lingüísticos. Comprometida co movemento nacionalista, era fácil atopala recitando ou en reflexións compartidas en actividades organizadas por asociacións e entidades, entre elas, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, da que formou parte da directiva, ou a Mesa pola Normalización Lingüística, á que tamén pertencía.
A súa participación activa no Foro Negro da cultura, nacido despois de que o Prestige atacara o país, foi un dos último exemplos da súa maneira comprometida de entender a cultura. Pouco antes, o seu era o nome dunha das persoas promotoras do Foro da Cultura Galega, coordinando a área de “Revisión Histórica e Análise Crítica da Cultura”, canda outros intelectuais e amigos como Xosé Mª Álvarez Cáccamo ou Ánxel Huete.
Profesora de Lingua e Literatura Galega, Luísa Villalta tíñase formado en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago mais tamén rematara estudos superiores de violín, chegando a formar parte, entre outras, da Xove Orquestra Galega. Desa unión entre a música e a poesía partirían varias das súas obras literarias, tanto líricas como ensaísticas, entre elas, O outro lado da música, a poesía, ou A lingua dos sons. (…)
No seu texto escrito á maneira dunha poética e titulado “Sobre un certo estado de conciencia”, Luísa Villalta anota: “Os temas son moi poucos. A vida e a morte. Talvez só a vida (ou só a morte). Sexan os que foren, nas súas infinitas variacións poden encontrarse nas Enciclopedias, nos libros de Historia ou (e non é raro) de Teoría Matemática, na información diaria que nos fai deglutir a realidade, en cada ocasión en que se ten a certeza de estar vivindo. Os temas non son meus, son o mundo mesmo. E, á vez, o mundo mesmo son eu. O tema é o que me fai a min comunidade: unha preocupación polo devir da humanidade, unha maneira galega de ser humana, unha preocupación polo devir de ser galega”.
Voces que a coñeceron, imaxes do seu arquivo, fragmentos da súa obra e unha viaxe a través da súa biografía son os elementos que constrúen o documental Luísa Villalta. Paixón e compromiso, elaborado polo alumnado do centro no que a escriotra e música deu clases antes da súa morte que se estreou o pasado ano.