Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (V)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse no CPR Cardenal Cisneros de Ourense do seguinte xeito, con alumnado de tres continentes, dezaseis nacionalidades distintas e nove linguas nai fusionados de xeito sorprendente no galego:
1.- Actuación o día 24 ás 10:15 h no centro:
– Educación Infantil: Interpretación dunha canción con letra adaptada pola súa profesora.
– Primaria: Un grupo de alumnos interpretará un rap coa letra feita por eles mesmos na honra de Rosalía. Outros recitarán poemas.
– ESO: Un grupo de alumnos cantarán ao son da coñecida canción de Abba, Mamma mía, unha letra composta por eles e os seus compañeiros.
2.- Todos levarán no seu peito unha camelia feita por cada un deles na que vai a “esencia de Rosalía” concentrada dentro da flor expresada cun poema da escitora. Deste xeito despois do acto levaron un anaquiño da homenaxeada ás súas casas, agasallando a flor.
3.- Unha colección de filatelia temática sobre Rosalía está exposta no centro.
4.- Para atender á convocatoria do graffiti, ao non ter paredes dispoñibles, varios grupos de alumnos crearon deseños nas fiestras dunha das aulas do centro para facer a Rosalía visible dende a rúa.
Como engadido, o grupo de Secundaria participou ás 20:00 h. no acto na súa honra promovido en Ourense polo grupo RosalAuria no Liceo de Ourense.