Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Jorge Emilio Bóveda:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Perseveranza.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Empatía.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Respecto e comprensión.
4.– A súa principal eiva?
– A boa memoria.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir e ler. Ultimamente por esa orde. Prometo tentar cambialas de orde.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Non hai tal sendo o mundo como é e estando como está. Agora, sinto acougo na alma ao ver ben aos seres próximos.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Descartando pensar nas desgrazas evidentes sobre os seres queridos ou outras que alimentan as mentes melodramáticas, sería unha enorme desgraza caer, por exemplo, nas gadoupas dun goberno (máis) totalitario.
8.– Que lle gustaría ser?
– O ser positivo que realmente son. Pero sempre centrado no “ser”, e nunca no “estar”.
9.– En que país desexaría vivir?
– Admiro a Inglaterra, a pesar do seu chovinismo e outros dogmatismos. Pero eu quero estar na Galicia. Porque, a pesar de todo, quéroa como a queremos (case) todos.
10.– A súa cor favorita?
– A cor que recolla todas as cores.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Calquera que estea amarrada á terra. Viva e adulta, pois non me gustan nadiña os capullos.
12.– O paxaro que prefire?
– O ave Fénix.
13.– A súa devoción na prosa?
– Catro bandas. Primeira banda: os narradores latinoamericanos. Segunda banda: algúns escritores góticos dende antes de Poe ata o final dalgúns epígonos de Lovecraft. Terceira banda: Lobo Antunes, Javier Marías, Juan Goytisolo, Martín Santos, Benet… Cuarta e última banda: a capacidade de traballo e a perseverancia (non a obra) de certos escritores de libros de xéneros populares.
14.– E na poesía?
– Borges.
15.– Un libro?
– Onde?, onde?
16.– Un heroe de ficción?
– Macbeth, que loita coñecendo a inutilidade do combate.
17.– Unha heroína?
– Madame Bovary. Sendo irónicos, claro.
18.– A súa música favorita?
– Rock das décadas dos 60, 70 e 80.
19.– Na pintura?
– Pintura figurativa expresionista. Por mor do meu avó Tomás Bóveda, que a cultivou coma poucos.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera cabeza de familia que tire adiante aos seus sen case recursos.
21.– O seu nome favorito?
– Xurxo.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O falar de algo sen saber nada.
23.– O que máis odia?
– Non sei odiar. Pero me fai sentir mal a preguiza, envexa e a cobiza.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera ditador ou sátrapa. Incluso algúns que, aos ollos de occidente, non son ditadores nin sátrapas.
25.– Un feito militar que admire?
– O tándem admirar-militar semella para min un oxímoro.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Aptitudes para dar resposta a preguntas como “Que don natural lle gustaría ter?”.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Ao saber que me rematou o prazo para entregar os papeis da inmortalidade. Son tan despistado para certas cousas que intúo que vai ser algo así.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O optimismo patolóxico. Cousa que, ás veces, me crea ansiedade.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Certos egoísmos nos que, tarde ou cedo, me acabo vendo reflectido.
30.– Un lema na súa vida?
– Dous: Ler ata “perder o coñecemento” e “Aturar é a arte de dicir que si”.”